As traballadoras de estilismo da TVG logran cobrar tras catro meses e desconvocan as súas mobilizacións

Traballadoras de estilismo da TVG durante as súas mobilizacións CC-BY-NC-SA CIG

As traballadoras de estilismo da TVG, que prestaban o seu servizo a través dunha subcontrata que entrou en concurso de acredores, veñen de ver resolta a súa situación e volverán cobrar o seu salario despois de catro meses. Así o vén de comunicar a CIG, que informa de que isto supón a paralización das mobilizacións que tiñan en marcha pero non da reclamación de que o servizo sexa asumido polo propio ente público.

A CIG pide que o servizo sexa asumido polo propio ente público e deixe de ser subcontratado a empresas externas

A empresa que viña xestionando o servizo de estilismo da TVG desde hai media década, New Model's, entrou en concurso de acredores o pasado novembro. As súas débedas coa Facenda pública impediron que a CRTVG seguise a pagarlle e iso á súa vez bloqueou o pagamento dos salarios das empregadas. Agora a CIG informa de que o ente público vén de comunicarlle a sinatura dun novo contrato con outra empresa, Acicla Estilismo, que asumirá ás traballadoras, ao tempo que a administración concursal permitiu desbloquear os salarios e pagar saldar as débedas coas traballadoras.

“Se ben o conflito fica resolto desta volta (e por tanto, desconvocadas as mobilizacións e a folga), a CIG seguirá a defender a necesidade de acordar o rescate de estilismo e perruquería, como solución definitiva para estes servizos estruturais da actividade principal da CRTVG”, advirte en todo caso o sindicato.

Sede da CRTVG Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.