Así envellece o agro galego

Persoal dunha cooperativa agraria CC-BY-SA Sindicato Labrego Galego

Galicia vai vella e un dos sectores tradicionalmente máis asociados á base produtiva do país, o agrogandeiro, é unha das mostras máis certeiras dun avellentamento ata agora imparable. En apenas unha década o número de explotacións do sector primario galego non deixou de minguar e, mentres, a idade das persoas que ostentan a súa titularidade non deixou de medrar, aínda que a un ritmo moito máis acelerado que o do decrecemento das propias unidades produtivas, ata o punto de que as explotacións encabezadas por persoas maiores de 60 anos xa son a maioría.

Os datos estatísticos máis recentes, correspondentes ao ano 2013, indican que Galicia contaba nese ano cunhas 76.000 persoas titulares de explotacións agrarias, segundo datos do INE. Isto implica unha redución superior ao 10% ao número do ano 2007, considerado o do inicio da crise, e un 24% menos que en 2003. Así, é posible afirmar os datos na man que en apenas dez anos o agro galego quedou sen, practicamente, unha cuarta parte das persoas titulares de explotacións.

Mentres isto sucedía tamén variaba notablemente a distribución por idades das persoas titulares deste minguante medio rural. O panorama actual indica que pouco máis de 3.600 titulares de explotacións son menores de 40 anos, algo menos de 27.000 están entre 40 e 60 anos e máis de 45.500 son profesionais que superan esa idade. Deste xeito, seis de cada dez titulares están xa por riba dos 60 anos.

Mentres que na década analizada o número total de persoas titulares de explotacións se reduciu nun 24% as que teñen as de máis de 60 anos minguaron pouco máis dun 2%. Na outra banda, as as titulares menores de 40 anos pasaron de 10.500 en 2003 a pouco máis de 3.600 en 2013, o que implica unha desaparición de case sete de cada dez. As persoas titulares na franxa de idade entre os 40 e os 60 anos, pola súa banda, viron reducido o seu número en case un 40%. 

O número total de persoas titulares de explotacións reduciuse un 24% e as titulares maiores de 60 anos, un 2%

As devanditas variacións no mapa agrario galego provoca, como é obvio, as titulares de maior idade pesen cada vez máis sobre o conxunto, debuxando un panorama cada vez máis incerto para o relevo xeracional e abonando o terreo para un abandono do rural cada vez máis acelerado. Mentres que en 2003 as as titulares de explotacións maiores de 60 anos non chegaban ao 50% agora son xa o 60% e as titulares de entre 40 e 60 anos descenderon case 10 puntos, do 43% ao 35%. Os titulares máis mozos, de menos de 40 anos xa apenas son 5 de cada cen.

Estes son os números dun contexto no que as persoas mozas que dirixen explotacións agrogandeiras son practicamente unha anécdota, toda vez que no ano 2013 eran 130 das máis de 76.000 totais. Isto permite deducir unha escasa efectividade de programas públicos como as axudas para a incorporación da mocidade ao rural, concibidas pola Xunta como unha ferramenta para "favorecer o relevo xeracional de titulares de explotacións".

As persoas mozas que encabezan explotacións son só 130 das máis de 76.000 rexistradas

A mesma intención é, asemade, a manifestada dende as bancadas que sustentan ao goberno cando, periodicamente, dende a oposición se formulan iniciativas ao respecto. A máis recente é a lanzada dende o grupo da AGE, cuxo voceiro en materia rural, Antón Sánchez, propuxo hai escasos días a "contratación de 150 técnicos agrarios" para "impulsar a creación de emprego no rural". Esta, di, sería a antítese á aposta do Goberno galego, "caracterizada polo desmantelamento das oficinas agrarias coa amortización de 130 prazas, unha actuación que afunde aínda máis o noso campo", di. 

Vacas dunha explotación galega © R.Reboiro
Unha labrega realiza labores agrícolas CC-BY-SA Sindicato Labrego Galego

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.