Asinada a quinta prórroga dos ERTE: así queda a protección a persoal e empresas

Os ministros Escrivá e Díaz, cos representantes sindicais e da patronal © Ministerio de Traballo

O pacto social que amplía os ERTE ata o 30 de setembro asinouse por fin este mércores. É a quinta prórroga deste mecanismo implantado tras a chegada da pandemia, que hiberna o emprego e que --confían os axentes sociais-- pode que sexa a última se a evolución da vacinación e da COVID segue o camiño actual. 

Un Consello de Ministros extraordinario acaba por aprobar a prórroga dos ERTE de forza maior e as axudas aos autónomos logo de que se alcanzase un pacto na tarde do mércores e apurando, como nas anteriores ocasións, os prazos establecidos. 

A ministra Díaz intervén no anuncio do acordo para a prórroga dos ERTE © Ministerio de Traballo

Os sindicatos CCOO e UGT e os represenantes empresariais de Cepyme e CEOE asinaron o acordo coa ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e o de Seguridade Social, José Luis Escrivá. Ambos destacaron a importancia do pacto no diálogo social. 

"Sen os ERTE hoxe teríamos máis de 6 millóns de persoas paradas en España;  é a primeira pedra para demostrar que as recuperacións poden ser xustas"

"Somos un exemplo neste diálogo social; puxemos a primeira pedra para demostrar que as recuperacións poden ser xustas", dixo Díaz, que cre que o mecanismo dos ERTE foi "o mellor amortecedor social na historia da democracia". "Moitas persoas van poder durmir tranquilas porque teñen a certeza dun mecanismo de protección sen o que hoxe teríamos máis de 6 millóns de persoas paradas en España", lembrou, tras advertir de que se mantén a prohibición de despedir persoal durante seis meses ás empresas que se acollan a estes expedientes de regulación de emprego. 

CCOO e UGT confían en que estas medidas de flexiblidade continúen no futuro para evitar que os axustes laborais se traduzan sempre en despedimentos. Desde a Cepyme consideran fundamental que estes "estimulos" para que as empresas poidan superar a crise.

Como serán agora as axudas ás empresas e o aforro na cotización á Seguridade Social nas diferentes modalidades de ERTE? Velaquí unha guía:

No que ten que ver cos sectores ultraprotexidos e empresas vinculadas, terán exoneracións diferentes dependendo de se os traballadores están en suspensión ou se se activan nos vindeiros meses. Co "obxectivo de incentivar a activación de emprego", segundo aclara o Ministerio de Traballo, as exoneracións no caso do persoal que se reincorpore á actividade serán do 95% nas firmas con menos de 50 empregaos e do 85% para as de máis entre xuño e setembro. 

Nos sectores ultraprotexidos, as exoneracións no caso do persoal que se reincorpore á actividade serán de entre o 95% e o 85%

De manterse os traballadores suspendidos, a exoneración será do 85% ata agosto e do 70% en setembro se a empresa ten menos 50 traballadores. De superar esa cifra, será do 75% ata agosto e do 60% en setembro. 

No caso dos ERTE por limitación de actividade, serán prorrogados cun novo esquema de exoneracións: con menos de 50 traballadores, serán do 85% en xuño e xullo e do 75% en agosto e setembro. Con máis de 50, 75% en xuño e xullo e 65% en agosto e setembro. 

Negocio de hostalería, durante a COVID CC-BY-SA Xunta

Para os ERTE de impedimento, que afectan aquelas empresas que ven impedida a súa actividade polas restricións contra a pandemia, a exoneración nas súas cotizacións á Seguridade Social durante o período de peche e ata finais de setembro será do 100% de ter menos de 50 traballadores e do 90% se superan esa cifra. 

Nos ERTE de impedimento, a exoneración será do 100% durante o peche para as empresas de máis de 50 traballadores

Ademais, e no que ten que ver coas axudas a traballadores e traballadoras autónomas, o pacto acadado entre o Ministerio de Inclusión e as tres principais asociacións para estendelas ata o 30 de setembro implica tamén un novo esquema de exoneracións. 

Manteranse para todos os traballadores por conta propia que estivesen protexidos no período anteriores --entre febreiro e maio-- e serán do 90% en xuño, do 75% en xullo, do 50% en agosto e do 25% en setembro. 

Ademais, mantéñense as prestacións extraordinarias para quen non poida desenvolver a sáu actividadecon normalidade: o 70% da base mínima de cotización para quen ve suspendida temporalmente a actividade por unha restrición administrativa derivada da pandemia, ademais da exoneración das cotas da Seguridade Social. 

Mantéñense as prestacións extraordinarias para autónomos; no caso dos que vexan suspendida a actividade, o 70% da base mínima de cotización

Tamén se mantén a prestación compatible coa actividade para aqueles que, mantendo a actividade, teñan un descenso da súa facturación no segundo e terceiro trimestre de 2021 do 50% respecto do segundo e terceiro de 2019 e que no segundo e terceiro trimestre deste ano non teñan uns rendementos netos computables fiscalmente superiores a 7.908 euros. 

Aqueles autónomos que non cumpran os requisitos para estas dúas prestacións, poderán acceder a unha extraordinaria do 50% da base mínima de cotización e exoneración das cotas. Terán que acreditar unha caída de ingresos do 50% respecto do primeiro trimestre de 2020 e non ter uns rendementos netos computables nestes seis de 2021 superiaores a 6.650 euros. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.