Autónomos denuncian que Naturgy nega a suspensión gratuíta de subministro que ordenou o Estado

Detalle dunha factura da luz CC-BY-SA Praza Pública

O forte e repentino impacto económico da crise provocada pola expansión do coronavirus provocou que o Goberno central aprobase en varios decretos unha serie de medidas para paliar os efectos negativos nos máis vulnerables e en colectivos como o dos autónomos, boa parte deles obrigados a pechar os seus negocios polo confinamento ou pola importante redución de ingresos. 

Naturgy negou a varios autónomos a suspensión temporal do subministro de maneira gratuíta, tal e como ordena o decreto do Goberno central

Entre as últimas medidas para os profesionais autónomos, máis de 210.000 en Galicia, o decreto-lei do pasado mércores 1 de abril incluía a "flexibilización" dos contratos de subministro eléctrico, dando a posibilidade aos interesados de modificar as condicións de cadanseus contratos, reducindo a potencia eléctrica contratada, modificando ou mesmo suspendendo temporalmente a subministración, tamén de gas natural, sen ningún tipo de custo, tampouco á hora de reactivar os anteriores contratos ou recuperar o subministro.

No entanto, a empresa Naturgy, cunha cota de mercado moi maioritaria en Galicia, negou esta posibilidade a varios profesionais autónomos que intentaron levar a cabo esas modificacións durante este xoves. Segundo varios testemuños recollidos --e comprobados-- por Praza.gal, a antiga Gas Natural Fenosa negou a gratuidade das modificacións ou suspensións temporais requiridas nos contratos e advertiu do custo que suporían eses cambios malia que o propio BOE advirte de que son de balde para os afectados. 

Contador de consumo eléctrico CC-BY-SA Praza Pública

Nalgúns casos, logo de tres conversas, persoal que atende as chamadas advertiu ao dono dun restaurante de que Naturgy "está estudando" a posibilidade ou non da aplicación dunha medida que foi publicada no BOE mediante decreto-lei e é de obrigado cumprimento. Noutros, advertiuse do custo que suporían estes cambios ou mesmo da imposibilidade de facelos de balde, tal e como xa decidiu o Goberno central. 

Naturgy atribúe a negativa a un "erro ou equivocación" dos operadores e advirte de que as modificacións gratuítas dos contratos son xa "aplicables"

Preguntada pola cuestión, desde a delegación de Naturgy en Galicia advirten de que as medidas son "aplicables" desde o momento da publicación no BOE e que a negativa débese "a un erro ou equivocación dos operadores". "As reducións de potencia ou suspensións temporais solicitadas ao abeiro deste decreto están xa implementadas; a non atención destas demandas é claramente unha equivocación por parte do persoal que atendeu as peticións", explica a empresa, que atribúe os erros á situación creada por unha crise, a do coronavirus, que trouxo diferentes cambios lexislativos en moi pouco tempo. 

Naturgy, ademais, lembra que durante a crise do coronavirus levou a cabo varias medidas como o subministro gratuíto de electricidade e gas a todos os hoteis e residencias que cedan as súas instalacións á sanidade pública para facer fronte ao virus. A compañía decidiu aprazar tamén as facturas de luz e gas de pemes e autónomos e que poderán pagarse na segunda metade do ano

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.