Barra libre para as piscifactorías na costa galega desde outubro

Vista de Cabo Touriñán CC-BY-SA Mib18

"Pódese desenvolver acuicultura en todos os ámbitos de protección ambiental". Deste xeito resume a conselleira do Mar, Rosa Quintana, o abano de posibilidades que se abre para os, nas súas palabras, "emprendedores" do sector acuícola na costa de Galicia. A fin das restricións para a construción de piscifactorías chegará en dúas fases. A primeira delas comeza "de inmediato" e afecta a dous dos catro estratos nos que a Xunta divide desde agora o litoral. Dende a celebración do Consello da Xunta deste xoves, nas zonas 1 e 2, "de escasa protección" medioambiental e que abranguen unhas 15.000 hectáreas, poderanse "iniciar plans empresariais" que sempre, segundo Quintana, serán "equilibrados" e garanten a "protección do medio".

Despois de máis dun lustro de debates sobre as zonas que debían ou non ser restrinxidas e tras "o traballo en silencio de case tres anos", o Goberno galego resolve abrindo por completo a man un asunto que, por exemplo, lle custou múltiples protestas ao bipartito de PSdeG e BNG. Sinxelamente, non haberá ningún punto da costa galega que estea vetado á acuicultura, só "serán distintas as esixencias" dependendo do lugar no que un "emprendedor", reitera, queira mercar terreos -coa regulamentación da anterior Xunta o sistema era concesional- para cultivar peixes.

Cales serán estes requisitos? Segundo o avance da Xunta, terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental as "instalacións de acuicultura intensiva con capacidade de produción superior a 500 toneladas anuais" e tamén as que afecten "directa ou indirectamente á Rede Natura cando así o decida o órgano ambiental" xa que neses espazos protexidos tamén poderá haber piscifactorías. A Unión Europea permíteo, especifica o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Con estas condicións de partida, na propia rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta xurdían varios interrogantes. Poderá, polo tanto, haber unha piscifactoría en Cabo Touriñán? A partir de outubro, si. A empresa Pescanova "ten terreos adquiridos" nese emprazamento do Concello de Muxía e "segue cumprindo cos requisitos". Touriñán é unha zona "de nivel 4", a de maior protección dentro do novo Plan Director de Acuicultura Litoral -que ten a forma xurídica de plan de incidencia supramunicipal- pero, malia isto, a multinacional pesqueira poderá instalarse alí se o considera conveniente para os seus intereses.

Protección da paisaxe

Fronte á barra libre que haberá dende outono no que se refire aos emprazamentos acuícolas para "non seguir perdendo a marcha dun sector estratéxico", a Xunta fai especial fincapé en que incrementa os requisitos para a integración das plantas na paisaxe, os cales detalla nunha Guía de Sustentabilidade e Integración Paisaxística elaborada por técnicos da Consellería de Medio Ambiente e do departamento de Mar. Nese documento, o Goberno galego detalla o xeito en que deben construírse as factorías acuícolas para ficaren máis ocultas na paisaxe mediante, por exemplo, cubertas vexetais ou materiais tradicionais. Segundo a Xunta, estas esixencias non farán economicamente inviable ningún proxecto. En calquera caso, ese "equilibrio económico" será "problema dos emprendedores", di Feijóo.

"Veremos se somos quen de levantar este país no ámbito da acuicultura", subliña o presidente, nun contexto no que "o 40% do peixe consumido no mundo será criado en cautividade" en poucos anos. "Imos ver se acertamos co diagnóstico", di. En calquera caso, proclama, Feijóo da por "rematada" a "parálise" que, na súa opinión, o bipartito causou no sector acuícola galego.

Quintana presenta o plan, en presenza de Feijóo © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.