Blanco esixe ao Goberno que ensine xa os contratos de Pemex

José Blanco, deputado do PSOE © Congreso dos Deputados

O deputado socialista lucense no Congreso José Blanco esixiu este martes ao Goberno que “aclare” a situación real dos contratos suscritos entre a petroleira Pemex, Navantia e Barreras. O ex ministro pediu no Congreso que o Executivo dea garantías de que se van construir os dous buques hoteis en Galicia. Blanco e advertiu que as noticias publicadas nas últimas semanas xeran “preocupación”. "O Goberno debe explicar as súas xestións no desexo compartido de lograr carga de traballo para os estaleiros galegos", aclarou.

O deputado defendeu na Deputación Permanente do Congreso a posición do PSOE sobre a comparecencia do ministro de Industria para explicar as xestións que o Goberno e ante o atraso na adxudicación destes dous buques. Así, Blanco lembrou que Xunta e Executivo central anunciaron en setembro a celebración duns contratos con Pemex que permitirían o mantemento de 3.000 postos de traballo coa construción de dous floteis.

"Anunciouse que os barcos se construirían en outuno, pero as gradas están baleiras", lembrou Blanco

"No entanto, malia que se anunciou que os barcos comezarían a construírse en outono, a realidade é que as gradas están baleiras e que no último ano se destruiron 4.200 postos de traballo no naval galego e pecharon 90 empresas auxiliares", lembrou. “Estes feitos engaden frustración e desesperación a miles de persoas que tiñan a esperanza de manter os seus empregos”, engadiu.

Tal e como recordou Blanco, os gobernos de España e de Galicia anunciaron primeiro a construción de 14 remolcadores, logo de dous quimiqueiros e, finalmente, xusto antes da convocatoria das eleccións galegas, de dous floteis. No entanto, "negáronse" a amosar os contratos, tal e como pediron os socialistas no Congreso.

“Ninguén a priori pode garantir a adxudicación dese concurso”

José Blanco cre que "o máis preocupante" é que nos últimos meses xurdiron informacións que "engaden incerteza" sobre a construción dos floteis. Así, e en referencia ao adiantado por Praza, lembrou que os contratos "non se asinaron con Pemex senón cunha filial" e que para lograr a construción deses buques "hai que presentarse a un concurso aberto e gañalo". “Ninguén a priori pode garantir a adxudicación dese concurso”, aclarou, tras advertir tamen do anuncio do atraso de tres meses na súa licitación.

“Se os gobernos de España e Galicia queren o apoio do grupo socialista para a xeración de emprego, que é a primeira preocupación do país, non poden pedir confianza cega e non ensinar os contratos”, sinalou. Por iso, argumentou a necesidade da comparecencia do ministro na esixencia de “aclarar” qué xestións está a realizar o Goberno para asegurar esa carga de traballo para o naval galego, no “desexo compartido” de que se “materialicen” os contratos e se “garantan” os postos de traballo.

José Blanco, deputado do PSOE © Congreso dos Deputados
Estaleiros de Navantia Fene-Ferrol © Navantia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.