O líder de UGT, Cándido Méndez, augurou este sábado en Vigo que España vai seguir "afundida na recesión económica" en 2013 e "probablemente máis aló" do ano próximo. Logo da asemblea en Galicia, advertiu que "ningún dos obxectivos" que persegue o Goberno, como o déficit público, "se van cumprir" e destacou que a propia Comisión Europea "di que en 2013 o déficit non cumprirá os obxectivos" que expón e que en 2014 "cando Rajoy di que supostamente empezaremos a saír da crise", Europa augura "un déficit público español peor que un ano antes.
"A folga xeral busca un cambio en profundidade nas política ecónomicas, sociais e laborais do Goberno"
Por todo isto, o secretario xeral de UGT entende que o obxectivo da folga xeral do 14N é que se produza "un cambio en profundidade" tanto nas políticas económicas do Goberno como nas políticas sociais ou laborais que, dixo, "lévannos a un calexón sen saída". De feito, relatou que o 99% da poboación española é, ao seu xuízo, "a afectada pola crise e polas políticas de recortes".
En canto ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado (PGE) para 2014 -que dixo é "elemento nuclear" da folga- as forzas sindicais avogan por que se cambien en profundidade eses orzamentos". Así, sostivo que estes PGE deberían ser "retirados polo Goberno", tendo en conta de que "nin o Fondo Monetario Internacional, nin a Comisión Europea avalan" estas contas.
"Dixéronlle ao Goberno que existe unha dimensión irreal neses orzamentos, pois fan unhas estimacións que se pasan de optimistas en cuestións como o crecemento económico", mantivo Méndez, que aclarou que ese proxecto de PGE refírese a unha caída da economía de medio punto "mentres a CE fala de punto e medio".
Tamén se referiu a uns orzamentos "moi duros" para a poboación española que van ocasionar máis "destrución de emprego" e "unha deterioración maior dos servizos públicos, avanzando cara á privatización". "Estas contas non van resolver os problemas da poboación española, moi pola contra, vanos a agravar", augurou o líder de UGT.