Cando os beneficios empresariais van acompañados de despedimentos

Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG

Alcoa proxecta o despedimento de 400 dos seus traballadores na Coruña, pechando a planta. Megasa vén de anunciar a súa intención de desfacerse de máis da cuarta parte do seu cadro de persoal en Narón (47 dun total de 169). As dúas empresas metalúrxicas teñen unha cousa en común, ademais da súa localización e actividade, as dúas tiveron beneficios en 2013 e a pesar diso queren levar a cabo esta medida. 

No caso de Alcoa, as plantas da Coruña, San Cibrao e Avilés obtiveron en 2013 110 millóns de euros de beneficio neto. Esta cifra convertería a Alcoa na empresa que obtivo máis beneficios este ano en Galicia, só por detrás de Inditex. A planta de San Cibrao (Aluminio Español S.A.) tivo en 2013 un beneficio de 54,7 millóns de euros, fronte aos 32,1 millóns de 2012. Mentres, as plantas de A Coruña e Avilés (Alcoa Inespal S.A.) gañaron 53 millóns de euros en 2013, tras perder 72,7 millóns. 

En Narón, Megasa (Megasa Siderúrgica) pechou o 2013 cun beneficio de 506.659 euros, cunha grande actividade, producindo 500.000 toneladas, vendidas maioritariamente no exterior (un 65%). En total, a súa cifra de negocio foi de 254'3 millóns, reducíndose -iso si- dende os 282,7 de 2012. Tamén se reduciu a súa cifra de beneficio, que en 2012 foi de 1,8 millóns. Cómpre sinalar, no entanto, que a matriz do grupo (Metalúrgica Galicia S.A.) tivo en 2013 perdas de 593.511 euros, pero en 2012 obtivera un beneficio de 4,5 millóns.

O principal argumento empregado polas direccións de ambas as dúas empresas para xustificar os despedimentos é a perda das bonificacións por interrumpibilidade eléctrica. A fin do incentivo eléctrico supón para a planta de Alcoa na Coruña un incremento do 61% nos custes enerxéticos. Pola súa banda, Megasa pasará de pagar 37 euros por megavatio e hora a ter que aboar 57 euros por megavatio e hora. 

 

Empresas que gañan cartos e despiden

Noutros conflitos laborais recentes, as empresas non podían acollerse a xustificacións deste tipo. Hai un par de meses vimos como Povisa despedía 12 traballadores (e dous máis unhas semanas despois) a pesar de ter obtido no 2013 un beneficio de 11 millóns de euros e de recibir anualmente 75 millóns de euros da Xunta a través dun concerto.

Hai un par de meses vimos como Povisa despedía 12 traballadores (e dous máis unhas semanas despois) a pesar de ter obtido no 2013 un beneficio de 11 millóns de euros

Atopamos casos semellantes e tamén moi recentes en Lantero, a empresa de Vilagarcía que quere botar 32 traballadores e reducir nun 30% o salario dos restantes, malia obter 1,5 millóns de euros de beneficios en 2013, 3,5 millóns en 2012 e 3,6 millóns en 2011. Os sindicatos sinalan que as medidas non se xustifican pola carga de traballo, sempre crecente, que mesmo obrigou a Lantero a contratar persoal suplementario de forma temporal. A empresa, ademais, foi beneficiada nos últimos anos por fondos FEDER, entre outras axudas.

En outubro, a Audiencia Nacional declarou nulo o ERE do Grupo Freiremar que acabara con 322 contratos, 101 en Vigo. Na planta viguesa traballan un total de 114 persoas. A sentenza sinalou a “posible inexistencia de causa ou falta de acreditación da invocada para despedir". Segundo a CIG, Freiremar utilizaba un entramado de sociedades para “desviar beneficios” dunhas a outras, "deixando outras na bancarrota, que foron as que despois executaron os despedimentos”.

Tamén houbo un conflito laboral neste 2014 nas tendas FNAC, con especial incidencia na da Coruña. En 2012 foran despedidas ao redor de 200 persoas e a empresa ameazaba con recortar os salarios noutro 15%. Todo iso a pesar de que o grupo no seu conxunto, e as tendas de forma individual volveran ter beneficios no 2013. Este ano, igualmente, a folga dos traballadores de recollida do lixo en Lugo lembrounos a constante conflitividade laboral neste sector, no que se adoita abrir unha gran contradición entre as cicateiras condicións económicas e os beneficios globais das empresas concesionarias, controladas polas grandes construtoras, coma FCC, ACS ou Ferrovial.

En decembro de 2013 Coca-Cola anunciaba un plan para pechar catro das súas plantas en España, entre elas a da Coruña, o que levaría ao despedimento de 1.200 traballadores e traballadoras, 360 en Galicia. Finalmente, a planta coruñesa librouse do peche, unha ameaza que chegaba a pesar de que Coca-Cola Iberian Partners, a embotelladora dos produtos da multinacional para España e Portugal, obtivera en 2012 23 millóns de euros de beneficio.  

En 2013 o conxunto das empresas cotizadas no Ibex 35 rexistraron un beneficio de 19.075 millóns de euros. A pesar diso, remataron o ano con 110 mil traballadores e traballadoras menos que doce meses antes

De igual xeito, hai apenas un mes a Audiencia Nacional declaraba nulo o despedimento de 672 traballadores e traballadoras de Atento, empresa de atención ao cliente e antiga filial de Telefónica, 179 delas na Coruña. Aínda que en 2013 a empresa entrara en perdas, nos cinco primeiros meses de 2014 Atento obtivo un beneficio de dous millóns de euros. Para explicar este ERE hai que remontarse a 2012, cando Telefónica lle vendeu Atento por 1.051 millóns de euros ao fondo de capital risco Bain Capital.

A dinámica de despedimentos con beneficios é xeral. En 2013 o conxunto das empresas cotizadas no Ibex 35 rexistraron un beneficio de 19.075 millóns de euros. A pesar diso, remataron o ano con 110 mil traballadores e traballadoras menos que doce meses antes. O sector bancario gañou un total de 8.398 millóns de euros, e reduciu os seus cadros de persoal en 13.645 empregados e empregadas.

Manifestación dos traballadores de Alcoa na Coruña CC-BY-SA CIG
Concentración dos traballadores de Urbaser Dominio Público CIG-Servizos
Imaxe empregada polas traballadoras da FNAC nas súas mobilizacións © FNAC sigue en lucha
Protesta de traballadoras de Freiremar © CIG
O persoal de T-Solar, promovida por Isolux Corsán, nunha manifestación contra o seu peche Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.