Carlos e Serafín: "Foi un calvario a incerteza; sentimos moito alivio co indulto"

Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, na rolda de prensa CC-BY-NC-SA CIG

O Boletín Oficial do Estado (BOE) recolleu por fin o pasado luns o indulto parcial para Carlos e Serafín, os dous sindicalistas galegos condenados a tres anos de cadea por participar nun piquete nunha folga de transporte hai máis dunha década. As mobilizacións constantes e as demandas institucionais deron o seu froito tras esgotarse a vía dos recursos xudiciais.

A prisión será substituída por unha multa a cada un deles de seis euros diarios durante 18 meses. Chegou tarde, como advirten CIG, CCOO e UGT, os tres sindicatos que este martes ofreceron unha rolda de prensa xunto aos afectados. 

Os dous traballadores non agocharon a súa felicidade, ademais de enviar continuas mensaxes de agradecemento, en primeiro lugar aos tres sindicatos que se envorcaron na súa defensa, e tamén a toda a dcidadanía que se solidarizou con eles. “Grazas ás organizacións e ás persoas que se involucraron nesta causa, que é a causa de todos e todas”, indicaron, ademais de agradecerlle ao actual Goberno central do PSOE a “sensibilidade” de conceder o indulto. 

“Foi un auténtico calvario agardar por unha decisión tan importante para as nosas vidas que non daba chegado, así que sentimos moito alivio"

Ademais, lembraron a “enorme alegría” coa que recibiron a noticia de indulto logo de moitos anos agardando. O peor, advirten, foi todo ese tempo de “incerteza” por non saber se finalmente terían que ingresar ou non na cadea. 

“Foi un auténtico calvario agardar por unha decisión tan importante para as nosas vidas que non daba chegado, así que sentimos moito alivio cando lemos os nosos nomes no BOE”, dixeron Carlos e Serafín. 

“O indulto é merecido e xusto, pero chega moi tarde, xa que os dous afectados e as súas familias levan cinco anos de agonía agardando por unha decisión que puxese fin ao risco real de perder a súa liberdade e ver tronzadas as súas vidas e as das súas familias por participar nunha folga en defensa da mellora das condicións laborais do seu sector”, denunciou Alberto Gonçalves, secretario comarcal da CIG en Vigo, nunha reflexión que compartiron todas as centrais sindicais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.