Catro de cada dez parados galegos non cobran prestación ningunha

Mobilización da CIG ante unha oficina de emprego CC-BY-NC-SA CIG

O paro rexistrado baixou en Galicia en 3.608 persoas no pasado mes de marzo, o que supón un descenso do 1,29% con respecto ao mes pasado e dun 5% e 14.724 desempregados menos se comparamos as cifras coas de  hai un ano. En total, o país ten 276.463 parados inscritos, segundo os datos feitos públicos este mércores polos servizos públicos de Emprego, logo dunha baixada que a sitúa como a cuarta autonomía cun maior descenso relativo no último mes, aínda que é a décima con menor mellora en canto aos datos de hai doce meses.

Galicia ten 276.463 parados inscritos, 3.608 menos que hai un mes

No conxunto do Estado, o paro rexistrado baixou en 16.620 persoas en marzo (-0,35%), o que sitúa a cifra total en 4.795.866 desempregados, 239.377 menos que hai un ano, o que supón un descenso do 4,75%. Os datos fixeron xa que o Goberno central destacase que supoñen o mellor comportamento nun mes de marzo desde 2006. A baixada do número de parados rexistrados neste mes é o segundo que se produce desde 2009, logo de que o ano pasado baixase en case 5.000 persoas.

En canto aos datos por provincias, o paro rexistrado descendeu en todos os territorios galegos. Na Coruña fíxoo en 1.274 persoas (-1,16%); en Lugo en 691 (-2,42%); en Ourense en 287 (-0,94%); e en Pontevedra 1.356 (-1,21%). Por sectores, o desemprego descendeu en todos eles, menos no colectivo sen emprego anterior, onde se aumentou en 269 persoas. Non obstante, o desemprego caeu en 260 persoas na agricultura, en 520 na industria, na construción en 1.602 e en servizos en 1.495.

Máis do 95% dos contratos rexistrados en marzo foron temporais

Pero entre os datos positivos agroman tamén cifras que evidencian que a crise segue aí. E pega moi duro. A cifra de número de beneficiarios con prestacións en Galicia sitúase en 151.586, dos que máis de 72.000 cobran prestación contributiva, máis de 66.000 subsidio e case 13.000 a renda activa de inserción. Xa que logo, hai preto de 129.000 desempregados (o 41,3%) no país que non teñen ningún tipo de prestación, situándose a taxa de cobertura en só o 58,7% e o risco de exclusión social cada vez máis acentuado. Máis de catro de cada dez parados non cobran nada.

Catro de cada dez desempregados galegos non cobran prestación ningunha

No conxunto do Estado, tamén case catro de cada dez desempregados non cobran axuda ningunha, pero o dato é algo mellor que en Galicia. Xa que logo, a cobertura total do sistema de protección por desemprego situouse no 60,33%, fronte ao 63,25% de  hai un ano, o que supón un descenso da cobertura do 4,6%. Ademais, os gastos totais dos servizos públicos de emprego en prestacións ascenderon a case 2.300  millóns de euros no pasado febreiro, un 15,8% menos que no mesmo mes de 2013. En definitiva, son 2.750.074 as persoas que se beneficiaron destas prestacións.

Por outra banda, e respecto á contratación, en marzo rexistráronse nas oficinas do antigo Inem en Galicia un total de 51.055 contratos, un 18% máis que hai un ano e un 12,15% máis que no mes anterior. No entanto, deses máis de 50.000 contratos rexistrados, tan só 4.775, o 4,2%, foron contratos fixos, polo que máis do 95% son temporais. A contratación no conxunto do Estado aumentou en máis dun 25%, sendo a contratación fixa o 9,3% do total.

Galicia ten case 4.000 afiliados menos á Seguridade Social que hai un ano e segue unha tendencia contraria á do resto do Estado

Galicia conta con 3.060 cotizantes máis á Seguridade Social, un aumento de tan só o 0,34% con respecto ao mes anterior. Ademais, o número medio de afiliados no país sitúase en 906.050 persoas, 3.980 menos que hai un ano, unha tendencia contraria á do resto do Estado, o que evidencia os problemas do mercado laboral galego, cunha forte contracción na poboación con idade de traballar que emigra por falta de futuro.

No conxunto do Estado, a media de afiliados é de 83.984, o seu mellor dato desde 2007, e que sitúau o total de ocupados en 16.296.288.

Xente nunha oficina de emprego en Galicia CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.