CCOO deseña unha folla de ruta que finaliza nun chamado inminente á folga xeral

Ignacio Fernández Toxo CC-BY-NC-SA CCOO

Praza Pública avanzou este mércores que desde Comisións Obreiras e UGT había un acordo preliminar para ir á folga o 29 de marzo. Foi unha nova que non se confirmou e que as propias centrais tentaron minimizar cunha nota de prensa aclaratoria que, en todo caso, non desmentía esa posibilidade. Praza vén de acceder a unha circular interna de CCOO que debulla todas as accións xa emprendidas e a acometer e que rematarían, de non haber acordo para a reforma da lei laboral, nunha convocatoria de folga xeral.

O documento foi elaborado para repartir entre os secretarios xerais do sindicato o 24 de febreiro. "A reunión ten por finalidade a posta en común das valoracións da actual conxuntura, das mobilizacións levadas acabo o pasado 19F contra a reforma laboral, os contactos mantidos co Goberno e os grupos parlamentarios respecto ao Real decreto de RL e sobre todo, establecer as propostas para dar continuidade ao proceso de mobilización", comeza a circular. CCOO sinala os malos datos de déficit (aínda non coñecidos o día 24) e previsión de crecemento para aventurar un recorte orzamentario duns "30.000 millóns", que deberan dar cumprimento á esixencia de Bruxelas. "O Goberno combinará as medidas máis drásticas de axuste con outras de carácter máis populista e cosméticas como acaba de facer "coa dación", cren os delegados de Comisións.

O "éxito" do 19F

Despois do relativo fracaso da pasada folga xeral, convocada contra o Executivo de Zapatero, nos sindicatos estatais non queren volver a arriscarse. De aí que midan moito os apoios que poden obter de cara a convocar, finalmente, accións máis drásticas contra as políticas económicas e sociais do Goberno central. Así se explica a sucesión contínua de actos e mobilizacións, nunha estratexia de manter en todo momento o clima da protesta entre a cidadanía. Entre a que ten traballo e a que non, como apuntaron a Praza fontes sindicais. As mobilizacións do 19 de febreiro, que xuntaron moita xente en Galicia, foron un "éxito" para CCOO e UGT

O sindicato que en Galicia dirixe Xosé Manuel Sánchez Aguión cre que, "no medio dun brutal ataque mediático impulsado polo Goberno ás organizacións sindicais" é preciso continuar a labor de información e "unificar nun protocolo Confederal os criterios sobre a presenza de representantes do sindicato en ámbitos institucionais", agrega a circular. O feito de que o día 19 do mes pasado asistise moita xente ás manifestacións convocadas con UGT enténdese desde CCOO como a "expresión dun malestar xeneralizado: Reforma Laboral, recortes sociais", nomea o documento. 

Folga o 29?

A priori, en CCOO buscan a maneira de coordinarse tendo en conta "a distorsión que supón a convocatoria sectario/nacionalista de folga en Euskadi, Navarra e Galicia" para o día 29. Facer antes unha folga xeral (antes das eleccións en Andalucía e Asturias) entenderíase, en CCOO, como unha manobra "electoralista". "No entanto, nin nós aprobamos o RDL, nin convocamos nin participamos nesas eleccións", puntualiza. Na mesma liña das declaracións de Aguión a Praza Pública, CCOO insiste en que "debe quedar claro que o obxectivo é modificar o RDL e non a mobilización pola mobilización".

A reforma irá ao Congreso o 8 ou o 15 de marzo, tempo que se considera de tramitación parlamentaria. En CCOO amplían estes tempos ao Senado, de maneira que se ampliarían ata despois dos comicios autonómicos. "En paralelo o PP está a negociar con CiU e hai que ter en conta que esta formación promove unha Lei de Folga cun contido moi reaccionario", matiza a circular. Para seguir creando tensión informativa durante este tempo, en CCOO apostan por "alar con outros sindicatos: Confederais, Nacionalistas, Corporativos". Finalmente, no acto sindical (11 de marzo) "exporanse dúas opcións: Se houbo negociación poderemos certificar o acordo. Pola contra, sería o momento de valorar a convocatoria dunha Folga Xeral".

CCOO e UGT tiveron un encontro o 27 no que abordaron o contido desta circular. Foi aí cando, segundo constatou Praza, tomou forma esa convocatoria.

 

 

 

Cándido Méndez CC-BY-NC-SA UGT

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.