Conselleiros de Pemex censuran en México o contrato asinado cos estaleiros galegos

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

Duras críticas en México ao acordo asinado entre a petroleira Pemex e a Xunta para a construción de dous buques hoteis nos estaleiros galegos de Navantia, en Ferrol, e Barreras, en Vigo. Tal e como informa a prensa do país azteca, o investimento da compañía estatal en Galicia por uns 300 millóns de euros non gusta nin aos seus propios conselleiros. Acusan a firma de ocultar o contrato, de non facer licitación pública ningunha e de ser unha operación pouco estratéxica para a súa industria.

Dous integrantes do consello de administración de Pemex aos que fai referencia o diario La Jornada quéixanse amargamente de que o director xeral da compañía, Juan José Suárez Coppel, non informara ao devandito consello sobre o contrato, tras lembrar que implica un elevado investimento de "recursos públicos". "Novamente, enterámonos por medio do xornal de operacións elevadas que a administración de Pemex está facendo de costas ao principal órgano de goberno corporativo da petroleira mexicana", asegurou un destes directivos.

Conselleiros de Pemex critican que se enterasen pola prensa do acordo e de que non se realizase unha licitación pública

Para La Jornada, o acordo entre Pemex e a Xunta serve "para salvar a inminente ruína ás compañías españolas, que non asinaban contrato ningún desde hai cinco anos". Ademais, o mesmo diario recorda que a operación firmouse "sen ter realizado unha licitación pública internacional para o concurso de participantes (nacionais e estranxeiros)" e aclara que "se descoñece se a orixe dos recursos porqeu non se sabe se se financiará a través de recursos orzamentarios ou contratación de débeda ou diñeiro en caixa de Pemex". "Os funcionarios que autorizaron esta operación practicamente rematan a súa xestión e vanse deixando recursos comprometidos", chega a dicir.

"Os funcionarios que autorizaron o acordo rematan a súa xestión e marchan deixando recursos comprometidos"

Segundo o diario, a operación "tería que ter pasado pola autorización da Secretaría de Facenda e Crédito Público e do Comité de Estratexias e Investimentos de Pemex", así como "fixar a obriga aos fabricantes para incorporar unha porcentaxe de contido nacional, por un acordo que vai a todas luces en contra da planta industrial de México". "A operación non é estratéxica nin substantiva para as actividades principais de Pemex, que son a exploración e explotación de cru", insiste o diario, que insinúa outro tipo de acordos que posibilitarían o contrato entre a compañía azteca e a Xunta.

"A operación non é estratéxica nin substantiva para as actividades principais de Pemex"

Ademais, especialistas na industria naval cre que se debería realizar un estudo sobre a capacidade total dos estaleiros mexicanos para construír embarcacións. Raúl Rocha, presidente do Colexio de Enxeñeiros Navais de México, asegura que o acordo entre Pemex e a Xunta "permite que se perdan preto de 5.000 empregos que se poderían ter xerado" no país azteca.

"Trátase do negocio turbio máis grande dos negocios turbios de México"

Ademais, o Diario de Yucatán tamén é duro co contrato asinado por Pemex en Galicia. O xornalista Jacobo Zabludovsky, asegura que os dous buques hoteis son moi caros se se comparan con outras operacións e cualifica o negocio de "turbio". "Trátase do negocio turbio máis grande nos negocios turbios de México", insiste o periodista, que censura que nin o Goberno nin Pemex informaron desta contratación e da de "posiblemente, 14 remolcadores" e que carga con dureza contra o elevado prezo que pagará a firma estatal.

A prensa mexicana dá cifras de ocupación máis achegadas ás que dan os sindicatos que ás que facilita a Xunta

Ademais, outro diario, El Economista, tamén se amosa escéptico co investimento de Pemex en Galicia e fai un cálculo sobre os postos de traballo e o tempo de traballo que implicará o contrato cos estaleiros galegos. Curiosamente, as cifras achéganse máis ás que dan os sindicatos dos estaleiros e que contradin ás da Xunta, á que acusan de "inflar os datos". "A fabricación de cada navío podería xerar un ano e medio de ocupación para 900 operarios", asegura o xornal.

Algún diario azteca dá tamén detalles sobre as características destes buques hoteis que serán construídos en Vigo e Ferrol. Así, serán xemelgos, de 131 metros de eslora cada un e cunha velocidade máxima de 12 nudos e capacidade para 600 persoas.

Feijóo, nun intre do discurso © Xunta
Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.