A confusión arredor dos acordos entre Pemex, a Xunta e os estaleiros galegos aumenta en México. Na propia petroleira estatal son xa varios os conselleiros profesionais que piden explicacións á empresa sobre uns contratos dos que dubidan. E moito. Nesta ocasión son dous deles os que solicitan ao director xeral de Petróleos Mexicanos, Juan José Suárez Coppel, que "aclare as dúbidas", e fano a través dunha carta remitida o pasado 1 de outubro e que inclúe varias copias enviadas tamén a Jordy Herrera, secretario de Enerxía; José Manuel Carrera, conselleiro delegado da filial PMI; e César Alejandro Chávez, titular de OIC Pemex.
A misiva, á que tivo acceso Praza, foi enviada o pasado 1 de outubro por dous conselleiros profesionais que se unen ás dúbidas amosadas por outros como Fluvio Ruiz Alarcón, que nunha entrevista neste diario intentou aclarar xa os termos duns acordos que para nada se correspondían co explicado nun principio tanto pola Xunta como por Pemex.
Nesta ocasión, os dous conselleiros profesionais fanse "varios cuestionamentos importantes respecto da conveniencia de ter frota propia ou ben contratar o servizo de frete e transporte con terceiros". "Ademais -explican na carta- atopámonos ante declaracións contraditorias sobre a construción dos buques en España: por unha banda as túas declaracións, por outra as do presidente da Xunta e, finalmente, o boletín de eventos relevantes á Bolsa Mexicana de Valores, no que se menciona que Pemex si asinou contratos, plenamente válidos, con estaleiros de Galicia para a construción de floteis".
"Atopámonos ante declaracións contraditorias: por unha banda as de Suárez Coppel, por outra as do presidente da Xunta e logo os boletíns de Pemex", quéixanse
Ante todas estas contradicións, os dous conselleiros profesionais solicitan documentos oficiais que lles permitan "aclarar dúbidas" e informar dos acordos aos directivos. "Solicitámosche que nos fagas chegar copia dos instrumentos xurídicos relacionados co tema para aclarar as dúbidas e poder informar tanto ao Comité de Estratexias e Investimentos como ao Consello de Administración de Pemex", piden dirixíndose a Suárez Coppel.
O feito é que en México hai certa indignación co feito de que se coñecesen os plans para futuros contratos da petroleira estatal a través dos medios, algo que tamén critican os conselleiros na carta. "De novo enterámonos pola prensa da xestación dunha importante estratexia para renovar a frota de buques ao servizo de Pemex con investimentos superiores a mil millóns de dólares", quéixanse, para logo advertir da necesidade de que a estratexia "fose presentada e aprobada polo Consello de Administración".
En México hai a impresión de que Pemex mantén un discurso para Galicia e outro para o seu país
Ademais, e segundo fontes expertas consultadas por Praza, a teoría entre as personalidades próximas a Pemex é clara. "Estannnos enganando a todos; en Galicia por motivos políticos e en México polo interese en quedar ben con empresarios como Olegario Vázquez Raña, que presionou e que ten orixe galega", contan.
"O acordo con PMI é válido, pero non obriga a Pemex; ademais, que se faga efectiva efectiva a construción dos buques hotel depende de dúas cousas: que a propia PMI os acepte e que PEP (Pemex Exploración y Producción) diga que os quere", explican as mesmas fontes, que tamén cren que os estaleiros galegos, xunto á filial da petroleira, "ofrecerán prezos moi competitivos". Fálase dunha redución do 30% sobre a media neste tipo de floteis.
Do mesmo xeito, estas mesmas fontes, coñecedoras das negociacións de Pemex, pregúntanse "por que os estaleiros galegos asinaron contratos condicionados e por que non explican cales son as condicións" e amosan a súa estrañeza porque en Galicia se asinasen, case no mesmo tempo, "un memorando, un acordo e un contrato". "Deberían explicar que pon en cada un deles", din.
A licitación, que debería producirse nos dous vindeiros meses, está agora mesmo "parada"
Finalmente, tamén estes expertos deixan no aire unha pregunta. "Se o comprador final ía ser Pemex, por que non se asinou directamente con eles?", engaden, logo de advertir que a licitación de PEP para os buques hoteis, que se prevía nos vindeiros dous meses, está agora mesmo "parada".