Descenden as execucións hipotecarias e lanzamentos en Galicia, pero aínda son seis ao día

Evolución das execucións hipotecarias en Galicia Dominio Público Praza Pública

O primeiro trimestre de 2016 trouxo unha mellora xeral en varios indicadores que adoitan funcionar como termómetro dos peores efectos da crise económica iniciada hai oito anos. Así, en Galicia descenderon con respecto aos datos do primeiro trimestre de 2015 as cifras de execucións hipotecarias, lanzamentos, concursos presentados, despedimentos e EREs, segundo a información que este luns fixo pública o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Iniciáronse un total de 276 execucións hipotecarias, moi por debaixo das 423 do trimestre anterior e das 533 de hai un ano, o que supón un descenso interanual do 48,2%, superior ao 29,8% da media estatal (pasaron de 20.201 a 14.175). Tamén descenderon os desaloxos efectuados: 598, fronte aos 610 do trimeste anterior e aos 667 dos tres primeiros meses de 2015. No conxunto de España a evolución no último ano foi semellante (de 18.869 a 16.668).

Iso si, aínda que os datos experimentaron unha mellora, a realidade é que entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo iniciáronse cada día unha media de tres execucións hipotecarias e efectuáronse 6,6 lanzamentos diarios.

En canto aos concursos presentados, estes tamén se reduciron dende o primeiro trimestre do ano 2015 (de 101 a 89), crecendo dende o cuarto trimestre do pasado ano (77). Os despedimentos efectuados (1.424) seguiron unha evolución semellante: melloran con respecto a xaneiro-marzo de 2015 (1.595) e crecen un chisco con respecto ao cuarto trimestre (1.279), repetindo unha tendencia habitual no cambio de ano. O mesmo sucede cos Expedientes de Regulación de Emprego; foron 12 en Galicia, a metade que no mesmo trimestre do ano pasado (24), pero moi por riba dos aprobados entre outubro e decembro (4).

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.