Dez anos despois do afundimento: o mesmo crecemento económico, menos emprego

Vehículos almacenados no Porto de Vigo, unha das principais orixes das exportacións de Citroën © Porto de Vigo

En agosto de 2007, hai agora dez anos, a actualidade do agosto galego transitaba entre os ecos da comisión de investigación da Cidade da Cultura e os primeiros pasos dos gobernos municipais xurdidos das eleccións municipais dese ano. A falta de incendios forestais de importancia as 'serpes de verán' da política do país transitaban por polémicas máis ou menos impostadas sobre unha suposta directriz da Xunta para que "bebés" cantasen o himno galego nas escolas infantís, en verbas do daquela xefe da oposición, Alberto Núñez Feijóo. Polo medio destes e outros titulares estivais, non obstante, agromaban novas económicas que nun inicio semellaban alleas: nos Estados Unidos o sistema hipotecario tremía e algúns xigantes da banca comezaban a se anotar perdas. Era a crise das subprime, que naquel agosto marcou simbolicamente o inicio do afundimento económico. Dez anos despois daqueles acontecementos economía galega medra con valores semellantes aos anteriores, pero unha ollada máis detida amosa que o país aínda ten camiño por recorrer en ámbitos tan sensibles como o emprego, os salarios ou a pobreza.

A crise das hipotecas 'subprime' nos Estados Unidos marcou no verán de 2017 o inicio da crise económica e financeira

As últimas contas económicas trimestrais, feitas públicas polo Instituto Galego de Estatística, servíronlle ao Goberno galego para lanzar foguetería estival. O Produto Interior Bruto (PIB) medra a un ritmo do 3,2% interanual, unha décima máis que a media estatal, o que ademais implica levar un ano a crecer por riba do 3% e regresar a valores de comezos de 2008, cando xa comezara a recesión que aínda era lida politicamente como "desaceleración" ata que no verán dese ano a caída de Lehman Brothers ratificou que o que acontecía era máis ca unha turbulencia pasaxeira. Nestes anos producíronse ata dous procesos de profunda recesión, unha que levou a economía galega a retroceder ata un 4,5% interanual a comezos de 2009 e outra cunha caída de ata o 3,6% en 2012.

O panorama que amosan as contas trimestrais cadra co que reflicten, ollando un treito temporal máis amplo, as contas anuais. O crecemento económico de Galicia é semellante ao que rexistrou na saída da crise dos 90 e tende a converxer co crecemento estatal. Faino, non obstante, despois de que ao final do período de expansión a economía galega chegase a avanzar na contorna dun punto porcentual máis que a española -en 2006 e 2007-.

E, cales son as locomotoras do crecemento? En termos esquemáticos poderíase afirmar que a principal é a mesma que antes da crise: as exportacións. E, dentro delas, dous sectores que teñen instalados en Galicia cadanseus xigantes: Citroën na automoción e Inditex, no téxtil. O sector exterior creceu no inicio de 2017 por riba do 5,5% -en plena crise, no entanto, chegou a crecer máis do dobre, segundo datos do IGE-, un valor moi superior ao avance do gasto dos fogares -0,9% máis que hai un ano- e que o das Administracións públicas, que rexistran un retroceso de case un punto despois de medrar ata un 5% durante o longo ciclo electoral de 2014 a 2016.

Faltan case 200.000 empregos

Os indicadores macroeconómicos están a regresar, daquela, aos niveis dende os que caeron tras o colapso de 2007-2008. Pero non todas as figuras están no mesmo sitio. Os anos nos que Galicia viu esfarelar o seu sector financeiro e afrontou notables recortes orzamentarios en todas as Administracións cambiaron tamén elementos que semellaban corresponderse mecanicamente. Algúns, no ámbito do emprego. Así, o PIB do país medra practicamente como antes da crise, pero as mesmas contas económicas reflicten que o emprego aínda está moi por baixo. Os últimos datos do IGE reflicten que Galicia rexistra uns 180.000 postos de traballo equivalentes a tempo completo que en 2007 e as horas traballadas por trimestre pasaron de case 600 millóns a menos de 500.

Malia haber menos poboación a traballar o número de contratos asinados non deixa de bater récords e, ao tempo, tamén o fai a dotación para atender as demandas de Renda de Inclusión Social

Estes datos das contas económicas teñen tamén o seu reflexo nas sucesivas vagas estatísticas sobre o mercado laboral. O paro cae de xeito sostido segundo a Enquisa de Poboación Activa e mais as inscricións no Servizo Público de Emprego, pero hai menos persoas a traballar e unha parte relevante das que o fan padecen, ademais, elevadas taxas de precariedade. Non en van, o mercado laboral galego é agora máis pequeno que antes da crise pero o número de contratos asinados non deixa de bater o seu propio récord e os soldos máis baixos aínda non comezaron a recuperarse, mentres que os máis altos non deixaron de subir tampouco durante o período máis intenso das dificultades económicas.

As persoas que aínda non lograron atopar un posto de traballo tras perderen os seus empregos están, por outra banda, máis desprotexidas dende o punto de vista económico. A cobertura das prestacións por desemprego chega a menos da metade da poboación en paro e, ao tempo, indicadores como o continuo incremento de dotación para atender a Renda de Inclusión Social (Risga) apuntan a unha cronificación da bolsa de pobreza alargada durante os peores anos da crise.

O sector servizos prepondera nos novos contratos CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.