A comezos de 2016 o Goberno de España, aínda co gabinete de Mariano Rajoy en funcións, aprobaba a prórroga que permite a ENCE permanecer á beira da ría de Pontevedra ata o ano 2073. Naquel primeiro semestre do pasado ano a pasteira rexistraba uns beneficios de 9,2 millóns de euros. Un ano despois daquela prórroga a compañía privatizada polo Goberno de José María Aznar vén de lles dar unha boa noticia aos seus accionistas: triplicou amplamente as ganancias na primeira metade de 2017 ata os 31,5 millóns de euros, o que supón un incremento superior ao 240%.
A produtora de pasta de papel e mais enerxía vén de rexistrar na Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) un informe semestral de resultados que destila optimismo. O beneficio bruto de explotación -antes de xuros, impostos e outros gastos financeiros- mellora un 65%, resultado do crecemento do 55% no negocio papeleiro e do 121% no enerxético. As perspectivas en ambos, manteñen, son favorables porque prevén que o prezo da celulosa aumente un 1,5%.
A pasteira declara uns beneficios superiores aos 30 millóns de euros no primeiro semestre do ano
Neste contexto ENCE lembra aos potenciais investidores que entra nos seus plans "o incremento de capacidade en 30.000 toneladas na fábrica de Pontevedra" -onde minguou os seus investimentos previstos- xa o vindeiro ano, "seguida doutra ampliación de capacidade de 40.000 toneladas en 2019". Do mesmo xeito, como xa fixera en marzo, confirma que construirá unha nova planta de biomasa pero non en territorio galego, como chegar a suxerir o PP, senón en Huelva.
Vantaxes no pagamento de impostos
A Xunta rebaixou a ENCE máis da metade das taxas por usar o peirao de Ribadeo para embarcar a pasta de papel que produce en Asturias
Estes bos resultados financeiros son feitos públicos por ENCE mentres certifica que repartirá entre os seus accionistas un total de 14,9 millóns de euros en dividendos e prodúcense nun contexto no que, en diversas ocasións, o Goberno galego defendeu a aplicación de vantaxes á pasteira no pagamento de certos impostos. Algunhas delas foron formalizadas, como revelou Praza.gal, a través dun convenio polo que Portos de Galicia lle rebaixou máis da metade da taxa por usar o peirao de Ribadeo para embarcar a pasta de papel que produce na factoría asturiana de Navia. Segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chegouse a ese acordo porque o demandaba "a sociedade de Ribadeo".
Outro debate ao respecto produciuse en maio do pasado ano no seo do Concello de Pontevedra, onde o PP local pasou de defender o traslado da factoría fóra da ría a promover unha reforma que permitiría á pasteira librarse do pagamento do 50% do imposto de actividades económicas. A proposta, que non saíu adiante porque os conservadores non obtiveron o apoio no pleno, ía en sentido contrario dunha inciativa formulada polo mesmo partido en 2012, cando aínda defendían o traslado e reclamaron que o goberno local pontevedrés, do BNG, aumentase este tributo a ENCE para compensar, entre outros aspectos, que estaba a obter "cuantiosos beneficios" mentres empregaba "un emprazamento privilexiado" á beira da ría.