Escotet tenta "aclarar" a acusación de especulación financeira pola que foron detidos executivos de Banesco en Venezuela

Sede do grupo Banesco en Caracas © Banesco

Tremor financeiro en Venezuela con vaga expansiva cara a Galicia. Pasadas as nove da noite deste 3 de maio Abanca, a entidade herdeira das antigas grandes caixas galegas tras a compra de Novagalicia Banco por parte do venezolano Banesco, anunciaba unha remuda temporal na súa presidencia. Juan Carlos Escotet, informou á CNMV, "auséntase temporalmente nas súas funcións de presidente non executivo" para "atender e apoiar os equipos das súas empresas sitas en Venezuela ante a gravidade dos feitos políticos que alí acontecen". Unha hora despois Escotet difundía un vídeo no que ofrecía máis detalles: marcha decontado a Venezuela por mor da detención de 11 executivos de Banesco, aos que as autoridades do país sinalan como parte dunha operación especulativa para "destruír a moeda" nacional.

Segundo o fiscal xeral venezolano, Tarek William Saab, as detencións dos directivos de Banesco e a intervención do banco durante 90 días encádrase na cuarta fase da operación Manos de Papel, que ten como obxectivo "desmontar un sistema financeiro paralelo" baseado en operacións como manipular "o valor do bolívar en relación co dólar" a través de portais de internet que "xogaron" con que esta correlación entre as moedas pasase de "15.000 bolívares" a "600, 700 ou 8.000 bolívares" en apenas tres anos. "Chamounos moito a atención que o 90% das contas asociadas a estas actividades ilícitas pertencen a Banesco", polo que "é obvio que as autoridades deste banco deben render as debidas declaracións", sinalou.

Escotet deixou temporalmente a presidencia de Abanca para viaxar ao seu país, onde o fiscal xeral liga a Banesco a operacións para "destruír a moeda" nacional

"Estamos comprometidos a aclarar ata as últimas consecuencias que cumprimos con toda a normativa", retrucou Escotet antes de viaxar. O directivo de Abanca, que se atopaba en Portugal no marco da compra da rede de Deutsche Bank no país, asegura que "a maioría" das 900 contas das que sospeita o Goberno de Venezuela "foron reportadas e bloqueadas por nós", mentres que as que non o foron, "non presentaban movementos rechamantes". No entanto, o fiscal asegura que Banesco "encubriu por omisión" e "deixou sen denunciar 870 destas contas ilícitas", que sempre segundo a versión do Ministerio Público venezolano "realizaron operacións con enderezos IP no exterior, en Colombia e Panamá", para alterar o mercado financeiro do país.

Juan Carlos Escotet considera "natural" que "algunha operación" irregular "poida presentarse nos bancos", se ben "do que se trata é de que sexamos proactivos, denunciemos e fagamos todo o posible para evitar estas prácticas". É por iso, afirma, que viaxa a Venezuela "con tranquilidade" para "socorrer os meus compañeiros" neste "inxusto trance" e "recorrer a todas as instancias" para "que o problema se aclare e sexan postos en liberdade" mentres "seguimos reforzando todos os controis". "Banesco -asegura o propietario de Abanca- sempre se caracterizou por axustarse ao dereito e cumprir todos os extremos legais" nun contexto no que "xestionamos máis de 8 millóns de lcientes e máis do 40% dos medios de pago" de Venezuela.

Influencia en Abanca e reacción da Xunta

O Goberno galego asegura confiar en que "a situación de Banesco non afecte ao negocio de Abanca" e liga o sucecido ao que "pode estar pasando en Venezuela"

Alén da remuda na presidencia, que temporalmente é asumida polo presidente da comisión de nomeamentos do banco, Eduardo Eraña, unha eventual intervención máis prolongada de Banesco por parte das autoridades venezolanas non tería unha influencia directa no accionariado de Abanca alén da figura do propio Escotet. A entidade, con sede formal na Coruña, está controlada maioritariamente por Abanca Holding Financiero, baseada en Madrid, e aínda que forma parte do grupo de Banesco ten un consello independente da matriz da rede.

Neste sentido, despois da transcendencia internacional das detencións dos 11 directivos encabezados polo presidente executivo de Banesco, Óscar Doval -de orixe galega-, o Goberno galego asegura "agardar" que "a situación de Banesco non afecte ao negocio de Abanca en Galicia". Nunha entrevista na Radio Galega do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo esperar unha "rápida solución" nun contexto no que "todos", afirma, "temos unha imaxe bastante clara do que pode estar pasando en Venezuela", se ben Escotet é un empresario "intelixente" quen, "fronte ao que algúns agoreiros dicían", demostrou que non "desapareceu" o "negocio bancario en Galicia".

Tarek William, fiscal xeral de Venezuela Dominio Público Fiscalía xeral de Venezuela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.