A Unión Europea conta xa cunha proposta de bonificacións alternativa ao tax-lease enviada polo Goberno central e tras ser negociada coa Xunta de Galicia. Así o vén de asegurar Núñez Feijóo, durante a sesión de control no Parlamento e ás preguntas da nacionalista Ana Pontón, despois de que onte mesmo o comisario europeo Joaquín Almunia culpara o Executivo español de non ter enviado aínda plan ningún tras manter conversas con delegados do BNG e do PSOE en Bruxelas.
“Temos unha proposta notificada á UE, remitida polo palacio da Moncloa e despois de ser negociada coa Xunta”, asegurou Feijóo á deputada do BNG, que lle preguntara polas iniciativas que estaba levando a cabo o Goberno para a reactivación do naval galego. “Espero, dado que vostedes teñen moi boa relación en Bruxelas, non a veten”, espetou o presidente a Ana Pontón.
Feijóo anuncia unha proposta horas despois de que a UE se queixase de non tela enriba da mesa
Segundo o presidente da Xunta, esta proposta de Goberno central pode posibilitar a volta á contratación de barcos no sector privado. Ademais, Feijóo, que se reuniu onte co presidente da Sociedade Española de Participacións Industriais (SEPI), anunciou que só hai dúas posibilidades para os estaleiros da ría de Ferrol: “ou carga de traballo para Navantia ou dique flotante”. Respecto ás opcións de que empresas mexicanas encarguen embarcacións en Galicia, e logo de que a compañía Pemex anunciase onte en Vigo que os posibles negocios “só están en estudo”, o xefe do Executivo galego mantén unha reunión este mércores co presidente da compañía azteca “para proseguir no acordo”.
"Eu dou a cara, na oposición e no Goberno", asegurou Feijóo, que insistiu en que o presidente da SEPI, Ramón Aguirre, atópase en Ferrol e que só ten "dúas opcións" para os estaleiros da ría: "ou carga de traballo antes do verán ou dique flotante". "Este Goberno non cambiará de opinión por ser socios do PSOE porque somos socios de Galicia", engadiu.
O BNG acusa a Xunta de "non ter unha intensa axenda institucional para desbloquear a situación do naval"
As respostas de Feijóo chegaron logo de que Ana Pontón o acusase de "pasividade" ante unha "decisión inxusta e discriminatoria" con Galicia. "É un intenta claro por desmantelar a nosa capacidade produtiva", asegurou a voceira do BNG, que cre "realmente preocupante" que o presidente da Xunta "non teña unha intensa axenda institucional de xuntanzas para desbloquear esta situación".
Para a parlamentaria do Bloque, o feito de que xusto hoxe, e tras as críticas de Almunia, a Xunta anuncie unha proposta do Estado significa que o presidente "non ten credibilidade"."Hai pouco viaxou a México e díxonos que había contratos, pero a empresa dixo logo que non había nada pechado", lembroulle en referencia ás declaracións do presidente de Pemex Internacional. "A situación é o suficientemente seria como para que vostede deixe de frivolizar. e decida se quere ser útil a este país ou continuar co lamentábel labor de delegado do Gobernopara vender os intereses de Galicia", criticou a deputada nacionalista.
Mentres, en Ferrol, varios traballadores de Navantia e de compañías auxiliares recibiron entre asubíos e berros o presidente da SEPI para demandarlle carga de traballo. Ramón Aguirre reúnese con once alcaldes da zona para abordar a situación de crise de pedidos das plantas públicas e as perspectivas de carga de traballo para o naval da ría.
Unha delegación de Marrocos confirma as posibilidades dos estaleiros galegos de participar na renovación da frota pesqueira
Pero non todo son malas noticias, xa que unha delegación de asociacións pesqueiras de Marrocos, de visita estes días na feira Navalia en Vigo, confirmou as posibilidades dos estaleiros galegos de participar no programa estatal de renovación do 75% da frota pesqueira do país norteafricano.
Así o afirmou o presidente da Cámara de pesca marítima do Atlántico Norte, Kamal Sabri, tras manter un encontro co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López Chaves, no que ambos os dous falaron de posibles vías de colaboración en materia de construción naval e pesqueira.
HABERÁ AMPLIACIÓN