"Fiareime dos acordos só cando vexa que se aumenta o prezo do leite"

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG © SLG

"A Administración decatouse de que estamos nunha situación sen saída", di Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), que recoñece a importancia do pacto alcanzado coa Xunta o pasado venres no que, recorda, aceptáronse reivindicacións que o seu sindicato leva anos facendo. Aínda así, fiarase de industria e distribución cando vexa cos seus propios ollos o incremento no importe que reciben os gandeiros polo leite.

Que avances con respecto a outros acordos supuxo a xuntanza do pasado venres?

A primeira cuestión é que creo que hai un recoñecemento de que hai unha posición de abuso da industria e da distribución sobre as explotacións gandeiras. Asúmese por fin que a parte produtora venlle imposto un prezo por baixo de custos e o que se trata con este acordo é de traballar de maneira inmediata para obter un prezo por riba de custos e, xa a máis longo prazo, conseguir un sistema para que a conformación do prezo non sexa froito da imposición unilateral das industrias e da distribución, senón baseándose nun índice que non permita vender o produto a perdas.

"Precisamos un sistema no que o prezo do leite non sei impoña unilateralmente pola industria e por estratexias comerciais"

As medidas deben ser urxentes, non si?

Precisamos unha recuperación inmediata de custos porque o prezo medio galego é de 29 céntimos e hai que ter en conta que 9.000 das 12.000 explotacións do país aínda están por debaixo dese importe. A suba dos custos dos cereais, os fertilizantes ou a electricidade empeoraron a situación. É evidente que o prezo está moi por debaixo desa referencia que debería haber para os gandeiros poidan sobrevivir. Por iso, parécenos moi importante a recuperación inmediata de prezos e un sistema que non sexa de imposición unilateral ou imposto por unha estratexia comercial, senón baseado no que costa producir e que teña en conta o aumento nos custos de produción.

O acordo inclúe tamén o compromiso da Xunta de poñer a disposición dos gandeiros máis hectáreas de terreo para forraxes...

Feijóo tamén nos trasladadou o compromiso de atender esa necesidade de dispor de territorio para poder ter un modelo de produción con custos máis asequibles e para poder sobrevivir no marco que temos actualmente. É moi relevante que a Consellería de Medio Rural instaure grupos de traballo para tratar un tema que é moi importante para o sector. Eu non podo valorar agora os resultados que van ter estes acordos, pero o que teño claro é que o que se está tendo en conta desta vez é moi importante.

"A mobilización e a folga foron importantes, pero tamén a constancia de que o problema do sector é gravísimo"

Polo que se ve, a folga e as mobilizacións tiveron o seu efecto, cando menos na Administración.

Todas as mobilizacións son importantes, pero tamén inflúe moito a situación do sector porque é moi complicada. Calquera visión próxima ás nosas comarcas ve que a crise do sector gandeiro está afectando un tecido económico e de emprego moi importante, non só ás explotacións. Almacéns, empresas de servizos... Todas están tendo moi dificultades para facer os pagos. A mobilización foi importante, pero tamén a constancia de que o problema é gravísimo. Iso é determinante.

Agora acéptanse reivindicacións dos sindicatos gandeiros que antes nin se escoitaban.

Hai un tempo, cando desde o SLG se falaba de negociar un prezo, dicíasenos que iso era unha cousa imposible. Antes, desde o sindicato sostiñamos, case en solitario, que se establecese un prezo mínimo, algo que agora todo o mundo considera imprescindible. Ademais, sempre dixemos que o contrato sen prezo non era unha ferramenta útil para os produtores. Houbo incluso outras organizacións que non apoiaron estas reivindicacións, pero agora todo o mundo o ve normal e lóxico.

Podemos dicir que a Xunta se decatou por fin da gravidade na que se atopa o sector gandeiro?

Se non se aborda a situación, temos pouco futuro. A Administración ve agora que estamos nunha situación sen saída. Houbo cantidades de veces nas que non atopamos resposta cando, por exemplo, denunciabamos a perda de terra útil para as nosas explotacións. Non vou dicir que as medidas chegan tarde porque, cando menos, chegan, pero si é verdade que o que ten ben claro o sector lácteo europeo semella que tamén o teñen claro noutros sitios.

"As mensaxes triunfalistas non me parece que teñan cabida; as propostas son boas, pero crereinas cando as vexa repercutidas no prezo do leite"

Falta que o acordo entre sindicatos e Xunta o concreten industria e distribución. Fíase destes dous actores?

Eu voume fiar cando vexa o aumento do prezo nas explotacións. Parécenme boas as propostas, pero cando vexa repercutido isto no importe, crereino. As mensaxes triunfalistas non me parece nin que teñan cabida, nin que o sector as deba recibir dese xeito. O que precisa o sector son respostas urxentes.

Que papel debe xogar aquí o Goberno central?

Na lei da cadea alimentaria hai implicadas moitas máis industrias e distribuidoras das que operan en Galicia, pero o Ministerio de Agricultura ten un papel fundamental, pero se a Xunta non se implica activamente, é moi probable que este sector non sexa dos considerados importantes para o Goberno central. O Executivo galego ten que ter unha posición básica e fundamental para sacar isto adiante. O sector gandeiro ten moito peso a nivel de emprego, económico e social, así que Galicia ten moito que dicir.

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG © SLG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.