Galicia destrúe máis de 3.300 empregos en novembro

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

Nin Black Friday, nin o tirón do comercio, nin a proximidade do Nadal. Galicia destruíu 3.327 empregos durante novembro, que foi o número de afiliados que perdeu a Seguridade Social no país nun mes onde, ao contrario que no Estado, tamén subiu un chisco o paro rexistrado: en 625 persoas até sumar unha cifra total de 170.369 parados apuntados nas oficinas de emprego, mentres que no conxunto de España descendeu lixeiramente. 

Galicia destruíu 3.327 empregos durante o mes de novembro, onde tamén subiu o paro en 625 persoas

Os datos con respecto ao mes anterior son malos en Galicia, máis tendo en conta os do mesmo mes do ano anterior, cando o paro aumentara máis pero se destruíran 747 empregos. Ademais, é o cuarto mes consecutivo no que se incrementa o paro rexistrado.

En termos interanuais, o mercado laboral segue a mostrar datos positivos --hai 16.806 parados menos e 20.714 afiliados máis que hai doce meses-- pero nin o impulso ao emprego semella suficiente nin as condicións melloran. Nin moito menos. Ademais, o paro chega aos mesmos niveis que en 2008, pero con case o 6% menos de emprego logo da crise

Segundo os datos feitos públicos polo Ministerio de Emprego, o paro rexistrado aumentou en todas as provincias galegas agás na de Ourense, onde descendeu en 334 persoas, e medrou en todos os sectores excepto na industria e no colectivo sen emprego anterior, onde aumenta en 231 persoas que xa non tiñan traballo e apuntáronse ás listas de demandantes nas antigas oficinas do Inem. 

En canto aos contratos, asináronse preto de 84.500 neste mes de novembro, dos cales tan só o 9,6% foron indefinidos, cuxo número descendeu nun 20%, a mesma baixada que experimentaron os temporais con respecto ao mes anterior. En total, son uns 19.000 contratacións menos que en outubro, pero seguen a ser cifras moi elevadas, máis tendo en conta a destrución de emprego deste pasado mes. 

Os máis de 84.500 contratos volven pór enriba da mesa a elevada rotación e saída e e entrada dos traballadores no mercado laboral, con condicións precarias e moita temporalidade. De feito, dos escasos contratos indefinidos que se asinan, o 40% foron a tempo parcial. 

Máis do 46% das persoas paradas con experiencia laboral carece de prestación por desemprego

En canto á cobertura, máis do 46% das persoas paradas con experiencia laboral carece de prestación por desemprego (71.663 persoas) e só o 45 % das que si a perciben cobran unha prestación contributiva. Xa que logo, en outubro pasado había 83.085 persoas cobrando unha prestación por desemprego: 37.532 cunha prestación contributiva (o 45,2% do total das prestacións), 37.309 un subsidio por desemprego (o 44,9%), 7.869 a renda activa de inserción (9,5%) e 375 correspondían ao programa de activación de emprego (0,45 %).

A taxa de cobertura (cociente entre o número de persoas beneficiarias de prestacións por desemprego e o número de persoas paradas rexistradas con experiencia laboral) en outubro era do 53,69 % e segue caendo o gasto en protección por desemprego (en outubro baixa nun 3,3 % en relación co mesmo período do ano anterior).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.