Galicia, Euskadi e Asturias defenden xuntas o naval e piden reunirse con Almunia

Manifestación do naval en Vigo CC-BY-SA CIG

O ministro de Industria, José Manuel Soria, vén de asinar unha declaración conxunta cos presidentes de Euskadi, Galicia e Asturias. Nela, solicitan a celebración antes do vindeiro 4 de xullo unha xuntanza co comisario europeo de Competencia, Joaquín Almunia, para que "reconsidere" a devolución dos tax lease. Ademais, no texto tamén solicitan, antes de que esta cuestión chegue ao Colexio de Comisarios europeo, unha reunión co presidente da Comisión Europea, José Manuel Durao Barroso.

Soria lembra que ningún sector da UE beneficiado dun sistema similar tivo que reintegrar as axudas recibidas

Logo do encontro entre o ministro e os presidentes das tres comunidades, Soria asegurou que as razóns para non devolver as subvencións recibidas pola industria naval española ten "sólidos fundamentos xurídicos", tras engadir que hai unha "evidencia comparativa" de que ningún sector no seo da UE que se beneficiou dun sistema similar tivo que reintegrar antes as axudas recibidas. O responsable de Industria alertou de que a devolución destas axudas terán un "efecto irreversible e irreparable" para o emprego e para a propia industria, especialmente para os tres territorios representados na xuntanza.

Feijóo advirte de que a proposta de Almunia suporía o peche dos 19 estaleiros privados do Estado

Por outra banda, Feijóo asegurou que, de levarse a cabo a proposta feita por Almunia, acabarían por pechar os 19 estaleiros privados que hai no Estado, polo que confiou en que se poida darlle a volta á situación. Ademais, criticou que Almunia insista en que a devolución do tax lease non afecte aos estaleiros, xa que entende que o reintegro das bonificacións fiscais provocaría que non se asinase ningún contrato ante a inseguridade xurídica existente.

Manifestación do naval en Vigo CC-BY-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.