Galicia (non) precisa máis emprendedores

Feijóo, Vázquez e Mato, nos actos do 'Día do emprendemento' © Ana Varela

"Aos emprendedores, alfombra vermella". Son "o motoror que conduce de novo o país á prosperidade". "Somos conscientes da crise pero, tamén, somos conscientes de que, neste momento, os gobernos teñen que axudar  aos emprendedores. Non os vamos a deixar solos". O emprendemento é "un dos piares das nosas políticas". Estas frases, tiradas de discursos de Mariano Rajoy, de Alberto Núñez Feijóo e da conselleira de Traballo, Beatriz Mato, poden servir como resumo da posición dos actuais poderes públicos a respecto do emprendemento, isto é, de traballar en réxime autónomo ou na empresa creada por un mesmo. O emprendedor ou emprendedora é presentado como unha caste de superheroe no medio da crise e a súa figura mesmo se estuda nos centros de ensino, cunha materia sobre "cultura emprendedora". Pero... Hai pouco emprendemento en Galicia? As cifras non din iso.

Unha ollada ás bases de datos do Instituto Galego de Estatística permite coñecer que no ano 2012 -última referencia dispoñible- en Galicia operaban 204.049 empresas, das cales 127.692 non tiñan ningunha persoa empregada. Isto quere dicir, polo tanto, que algo maís de seis de cada dez empresas do país funcionan só cos seus promotores ou promotoras, os seus 'emprendedores'. Deixando a unha marxe estas empresas sen persoal contratado a maioría do traballo asalariado concéntrase en compañías de escasa dimensión; 44.000 empresas teñen 1 ou 2 asalariados, 17.000 tres ou catro e case 7.000 entre seis e nove. Mentres, apenas o 7% do total de empresas galegas pagan 10 ou máis nóminas cada mes.

Seis de cada dez empresas galegas non teñen persoal asalariado

A preponderancia das empresas sen persoal asalariado contrasta notablemente co escaso número de compañías cun cadro de persoal máis ou menos amplo. Só 651 empresas galegas tiñan en 2012 entre 50 e 99 traballadores, algo menos de 300 empregaban entre 100 e 249 persoas e só 109 contaban con 250 ou máis asalariados e asalariadas traballando. Estas cifras son observadas por diversos expertos como a proba de que entre os problemas da economía galega, como da española, non está a escaseza de espírito ou praxe emprendedora.

"É unha falacia absoluta"

O contraste entre datos e liña política gobernamental é observado por economistas como Manuel Lago, para quen "no caso de España e de Galicia, o asunto de emprendemento é unha falacia absoluta". En ambos casos "o peso dos empregados asalariados no total da ocupación está moi por baixo de Alemaña, Francia, Gran Bretaña" ou outros países da Unión Europea. "O problema real que temos, como país e como Estado", explica Lago en conversa con Praza Pública, é "a baixísima dimensión das empresas". "Hai máis empresas que en Francia ou Alemaña, pero maís do 90% teñen menos de cinco asalariados", resume.

"O problema é a baixísima dimensión das empresas" e o gran número de autónomos con traballo "de supervivencia"

Neste contexto, Lago non cre que a aposta dos Gobernos deba centrarse no "número de iniciativas empresariais, entendéndoas como autoemprego, senón na súa escasa dimensión, tanto no seu nacemento como na súa evolución". Así, por exemplo, o economista explica que "a capacidade de exportar dunha empresa de cinco traballadores" non é moi diferente "ao dunha empresa de máis de 1.000". O mesmo, di, acontece ao medir "a produtividade" ou "a I+D+i". "A diferenza" entre unhas e outras economías é que, se "no agregado" hai máis grandes empresas, "o resultado é mellor".

Así as cousas, Manuel Lago ten claro que as mensaxes sobre emprendemento que chegan dende a Xunta ou dende o Goberno central como vía para saír da crise son "absolutamente falsas". "A crise está provocando que a destrución de emprego se concentre nos asalariados" mentres "non baixa o número de persoas que traballan como autónomos, con ou sen salariados". Isto sucede mentres, "en moitas ocasións", a ocupación destes 'emprendedores' dá para pouco máis que "a supervivencia", para "aguantar".

Feijóo, nos actos do 'Día do emprendemento' © Ana Varela

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.