Galicia recupera máis de 10.000 empregos en xuño pero hai aínda 27.000 menos que antes da pandemia

Operarios traballan na montaxe dunha estrutura metálica, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA Foto: CIG | Montaxe: Praza Pública

O mercado laboral sofre aínda o impacto do coronavirus en Galicia. Malia que o número de afiliados á Seguridade Social incrementouse de media en 10.628 no pasado mes de xuño con respecto a maio, o lastre provocado pola crise da covid mantense. 

O número de afiliados á Seguridade Social caeu nun total de 26.580 persoas durante os meses de marzo, abril, maio e xuño en Galicia

O rebote na creación de emprego coa chegada da tempada de verán é aínda insuficiente para superar o lastre das primeiras semanas da pandemia e do confinamento. O número de afiliados á Seguridade Social caeu nun total de 26.580 persoas durante os meses de marzo, abril, maio e xuño no país, segundo os datos feitos públicos este xoves polo Ministerio de Traballo. 

No último día do mes de xuño, o número de persoas cotizantes en Galicia quedou aínda por baixo da barreira do millón, malia subir en máis de 6.000 respecto a maio, e situouse nas 985.842, fronte ao 1.012.422 do último día de febreiro. 

Son aínda 27.000 empregos menos desde que a pandemia do coronavirus estoupou a finais de febreiro. Un mercado laboral afectado con dureza pola declaración de estado de alarma a mediados de marzo e semanas de confinamento e parálise económica. 

O impacto máis duro sufriuno o emprego en marzo e logo do peche decretado desde o día 14. Entre o último día de febreiro e o último de marzo destruíronse 32.352 empregos en Galicia, chegándose a unha cifra de afiliación (980.069) non moi diferente á que se dá nesta altura (985.842). 

Logo de se destruír 32.000 empregos nas últimas semanas de marzo e uns 10.000 en abril, en maio recuperáronse uns 10.000 e máis de 6.000 en xuño

Foron máis de 32.000 empregos destruídos nas últimas dúas semanas de marzo, á que se sumou outra baixada de máis de 10.000 afiliacións en abril. O repunte chegou co incremento de afiliacións en case 10.000 persoas en maio e en 6.370 máis con respecto ao mes anterior en xuño. 

Xa que logo, o golpe da pandemia ao mercado laboral nestes catro primeiros meses supón aínda a perda de 15.000 empregos na provincia da Coruña con respecto ao último día de febreiro, arredor de 9.000 en Pontevedra, uns 2.000 en Lugo e algo máis de 2.000 en Ourense. 

A recuperación no emprego é evidente, aínda que lenta tras os despedimentos e finalizacións de contrato masivas en marzo e abril. A aplicación de milleiros de ERTE, que se van erguendo aos poucos, evitou tamén unha destrución moito maior. 

Os datos de xuño amosan esa ralentización no impacto laboral. Durante ese mes, as inscricións nas oficinas de emprego descenderon en Galicia en 6.428 persoas respecto a maio, ata as 184.654, un aumento do 1%. Pero a importancia do golpe da pandemia revélase, no entanto, na variación interanual, xa que o número de desempregados rexistrados nas antigas oficinas do INEM é de 29.405 máis que doce meses antes, un aumento de case o 20%.

O paro descendeu en todas as provincias galegas e, como adoita ser habitual, fíxoo sobre todo no sector servizos polas contratacións da tempada do verán. Neste sector baixou en 5.243 persoas, un descenso moito maior ao que se deu na agricultura (-21), industria (-777) ou a construción (-930). 

En Galicia hai máis de 75.000 persoas incluídas en ERTE, 64.471 en especidentes de forza maior

Ademais, neste mesmo mes de xuño, a afiliación media á Seguridade Social aumentou en 10.628 persoas, aínda que o total, 986.642, supón 38.550 menos que no mesmo mes de 2019 por efecto do coronavirus. 

A deshibernación dos ERTE continúa en xuño. Pero a finais deste mes en Galicia, o número de persoas incluídas nestes expedientes de regulación temporal de emprego sitúase aínda nas 75.606, 64.471 en expedientes de forza maior e 11.135 en expedientes por causas obxectivas. 

En canto á contratación, en xuño asináronse 54.414 contratos en Galicia. Son 23.541 máis que no mes anterior, pero 44.371 menos que no mesmo mes de hai un ano. O 90% deles volven ser, nunha porcentaxe que se repite cada mes, temporais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.