A próxima folga xeral será o mércores 14 de novembro. Así o acordaron xa os dous sindicatos maioritarios CCOO e UGT, segundo confirmaron fontes sindicais a eldiario.es e a outros medios, aínda que aínda hai varios pasos por diante para a súa convocatoria, que se formalizará este venres. Ese mesmo día, o 14N, tamén terá lugar un paro xeral en Grecia e Portugal.
A CIG secundará con case total seguridade a convocatoria, xa que hai pouco máis dun mes anunciara que aprazaba o paro que tiña previsto para o pasado 26 de setembro á espera de que as dúas organizacións estatais "finalmente se decidisen". Agora que xa o fixeron, todo semella indicar que a folga xeral será apoiada polas tres principais centrais sindicais de Galicia.
Haberá folga xeral e Grecia, Portugal e España e, posiblemente, noutros países como Italia
Tratarase dunha mobilización coordinada con outros países europeos, tal e como buscaban CCOO e UGT. Precisamente, os seus secretarios xerais, Ignacio Fernández Toxo e Cándido Méndez, están estes días en Bruxelas asistindo á reunión do Comité Executivo da Confederación Europea de Sindicatos (CES), onde están a pechar os detalles cos seus socios europeos.
Ademais dos paros xerais en España, Grecia e Portugal para o 14N, os sindicatos están a tratar de programar máis mobilizacións durante esa semana noutros países europeos, como Italia. Grecia xa convocou outra folga xeral para o 18 de novembro.
O venres, as dúas centrais reunirán aos seus máximos órganos de decisión -o Consello Confederal de CCOO e o Comité Confederal no caso de UXT-, onde ratificarán a convocatoria de folga para o 14 de novembro. Posteriormente, reuniranse coas máis de 150 organizacións que forman parte do Cumio Social, para aprobar o día do paro xeral. Será, polo tanto, o venres cando a convocatoria de folga farase pública de forma oficial.
Será a primeira vez que se convocan dúas folgas xerais de 24 horas nun mesmo ano no Estado
O trámite para convocala comezará a semana que vén. Os sindicatos terán que acudir ao Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA), un paso imprescindible para chamar á folga. Uns días despois, rexistrarana no Ministerio de Emprego.
Será a primeira vez que se convocan dúas folgas xerais de 24 horas nun mesmo ano no Estado. O paro practicamente coincidirá coa data na que Mariano Rajoy gañou as eleccións o 2011: o 20 de novembro.