"Hai que reindustrializar o país; a economía de Galicia non pode depender de sectores estacionais"

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO-Galicia CC-BY-SA CCOO-Galicia

Amelia Pérez (Moaña, 1970) foi elixida o pasado venres nova secretaria xeral de CCOO-Galicia, converténdose na primeira muller en dirixir a organización e provocando tamén o primeiro liderado feminino entre os sindicatos de clase no país. Diplomada en Turismo e traballadora de Zara, onde pasou a ser delegada sindical hai máis de vinte anos, a súa elección supón romper moldes dobremente: polo xénero e por provir do sector téxtil e non do metal, o naval ou automoción, como adoita suceder. 

"CCOO sempre foi vangarda no feminismo, pero que unha muller lidere o sindicato é mellor para visibilización, que tamén é importante"

É a primeira muller que dirixe un sindicato en Galicia; é máis un fito ou algo lóxico?

É ambas as dúas cousas. Un fito porque é a primeira vez que hai unha muller á fronte dunha organización sindical de clase e das Comisións Obreiras en Galicia, pero tamén ten que ser algo normal. Pedimos igualdade e estamos en pleno século XXI, que é o século das mulleres. Xa tocaba que unha muller liderase un sindicato en Galicia, porque xa hai máis compañeiras noutros territorios do Estado facéndoo. 

Supón a súa elección un impulso ao feminismo no sindicato?

É mellor no que ten que ver coa visibilización porque iso tamén é importante e porque aínda queda camiño por percorrer. CCOO sempre foi vangarda no feminismo pero en todo hai luces e sombras, tamén nas organizacións, en todas. Fomos consolidando o feminismo e estou orgullosa de ser a secretaria xeral das Comisións e de que os compañeiros e compañeiras depositasen a confianza en min. 

Amelia Pérez, nunha mobilización contra a universidade privada, esta semana en Santiago CC-BY-SA CCOO-Galicia

Os líderes do seu sindicato, e doutros, adoitan vir da industria, do naval... Que vostede proveña do sector téxtil, dun ámbito tan precarizado e feminizado, é tamén un fito?

Non é habitual pero o noso mercado de traballo está conformado por moitos sectores. Hoxe en día, entre a afiliación sindical temos xente de comercio, banca, axuda no fogar, dependencia, sanidade... Historicamente a prevalencia era do sector industrial, do metal, pero nese puzzle que conformamos en CCOO hai moito máis. Visualizar eses sectores altamente precarizados e feminizados é tamén importante. 

A loita de grandes empresas ou sectores adoita acaparar portadas, é a súa elección unha forma de poñer o foco tamén en problemáticas quizais menos atendidas?

Si, sempre digo que no sindicato debemos mirar cara a todas partes. Nesta altura a situación non é fácil en sector ningún e as problemáticas hainas en todos lados. Poñer o foco no téxtil ou no sector servizos en xeral axuda tamén a visibilizar todas as súas eivas.

Ese sector servizos é cada vez máis importante en Galicia, que sofre unha importante desindustrialización...

É un dos grandes problemas que sofre Galicia e que non vén de agora, senón de hai anos. Levamos reclamando desde hai tempo unha aposta pola reindustrialización porque, habendo diferentes sectores no mercado produtivo, o tractor, o que achega valor engadido é a industria e o resto van encaixando no puzzle. A nosa economía non pode depender de sectores estacionais. Durante o pandemia vimos claramente o problema, que se resume cun exemplo: en España non había respiradores e Seat tivo que cambiar unha das súas liñas para botar unha man e poñerse a fabricalos e axudar os hospitais. O que pasamos neste último ano tennos que facer reflexionar sobre o país que queremos para as nosas fillas e fillos, sobre a necesidade de darlles un futuro e a posibilidade de facer un proxecto de vida. 

"A economía de Galicia non pode depender de sectores estacionais; a industria é o tractor, o que achega valor engadido para que logo o resto vaian encaixando"

Pero hai que compaxinar esa aposta pola reindustrialización cunha transición enerxética ineludible.

É complexo articular esa transición, por iso sempre esiximos que sexa xusta, social e sustentable. Vai haber un cambio de paradigma, de ciclos produtivos, pero iso non pode significar que deixemos parte da nosa xente atrás. As administracións débeno ter claro. Non se pode asumir que a descarbonización é pechar fábricas e punto; ese proceso ten que levar aparelladas outras medidas: unha maior protección social, alternativas para os traballadores, reciclaxe, formación... Son cuestións que deben ir unidas para afrontar os cambios que están chegando. 

Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO-Galicia CC-BY-SA CCOO-Galicia

Nesa transición e recuperación económica serán claves os fondos europeos NexteGeneration. Bota de menos a achega dos sindicatos nos debates para a captación destas axudas?

Estou aterrando na secretaría xeral e hai cousas nas que debo afondar máis, pero creo que é evidente que nesa mesa onde se debaten os proxectos para Europa deberíamos estar as organizacións sindicais porque temos moito que dicir. Non me vale que nos digan que é unha cuestión de proxectos empresariais, algo que non discutimos, pero é unha oportunidade de país e precisamos de iniciativas serias e rigorosas e os sindicatos deberíamos estar aí como interlocutores. 

"Na mesa onde se debaten os proxectos para captar fondos europeos deberíamos estar os sindicatos"

O paro xuvenil segue a ser unha importante lacra...

É falta de oportunidades. O que se oferta aquí á mocidade non lle permite facer un proxecto de vida. Hai unha precariedade brutal e unha enorme taxa de temporalidade que levan aparelladas a emigración e a despoboación. Se os novos marchan é porque as condicións de traballo non son as axeitadas e porque fóra as teñen mellores. 

A reforma laboral segue sen ser derrogada malia os anuncios e as demandas dos sindicatos. Confía en que se derrogue finalmente?

Sei que o Ministerio de Traballo e a ministra Díaz teñen sensibilidade con este tema, pero tamén son consciente de que no Goberno central hai dúas sensibilidades e que non vai ser doado. Nós xa avisamos ao Executivo de que a derrogación era un compromiso electoral e de pacto de goberno e que imos exixir que se cumpra. Se hai algún interlocutor na mesa que non está polo labor desa derrogación e modificación da norma, pois terán que lexislar. 

Os ERTE veñen de ser prorrogados ata o final do verán, teme que o final deste mecanismo supoña tamén milleiros de despidos?

Cando deixe de estar en vigor o decreto dos ERTE vai haber moitas empresas que non sobrevivirán e haberá outras que tampouco o farán mesmo coa prórroga ata final de setembro. Logo hai casos, como os da banca, onde se están a impulsar ERE que non teñen que ver coas restricións da pandemia, senón co aproveitamento que desta pandemia e da dixitalización están facer as entidades bancarias para despedir xente. O que non pode ser é que bancos que recibiron inxentes cantidades de cartos públicos e que aproban aumentos salariais para os seus directivos propoñán á vez EREs con tan elevada destrución de emprego. O dos ERE da banca é algo indecente porque non son precisamente os sufridores desta crise. 

"O dos ERE da banca é algo indecente porque non son precisamente os sufridores desta crise"

Desde algunhas formacións políticas estase a abrir o debate sobre a implantación da semana laboral de catro días. Que lle parece?

Queda moito por facer de concienciación e de pedagoxía para poder abordar seriamente este debate sen que sexa desvirtuado por outras cuestións. Segue habendo xente que traballa seis días á semana, outra que traballa sete sen descanso por estar en situación irregular ou que non se lle pagan as horas extras por moito que haxa control horario... Eivas sempre as vai haber porque sempre vai haber empresas incumpridoras, pero si é certo que é un debate que se podería abordar porque non perdemos nada, aínda que debemos facelo de xeito acougado, con información e todas as varibles enriba da mesa. Hai países que están probando as semanas de catro días laborables e está funcionando. Moitas veces cústanos de máis mover as paredes, avanzar e facer cambios importantes e, se cadra, deberíamos empezar a albiscar estas mudanzas pero, sobre todo, sentarnos a debatelas. 

Segue sendo a baixa afiliación sindical en España e Galicia un problema?

En CCOO estamos notando un incremento na afiliación desde hai anos e o que nos alegra, a min especialmente, é que quen se está afiliando maioritariamente ás organizacións sindicais son as mulleres. Malia a propaganda que nos fan desde algúns ámbitos, os traballadores e traballadoras deste país seguen confiando nos sindicatos e nas Comisións Obreiras. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.