Miguel Otero Iglesias (Basilea, 1979) é profesor titular de Economía Política Internacional na Escola de Negocios ESSCA de París, investigador na London School of Economics, profesor adxunto na Universidade de Oxford e habitual investigador visitante do Instituto para a Economía e Política Mundiais (IWEP) da Academia China para as Ciencias Sociais en Pequín. Experto en gobernanza monetaria e financeira europea e global, analiza aquí a crise económica na UE e en particular en España, onde cre que “falta autocrítica” e "claridade". Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e investigador tamén no ámbito da comunicación, reside en Inglaterra tras facelo antes en varios países de Europa e América.
Foi a pasada a peor semana para a economía española?
Non sei se é a peor semana, pero é evidente que a situación é bastante delicada para España. Isto víñase vendo; o problema é que non hai un obxectivo nin un plan de crecemento. As exportacións están aguantando ben, pero nunha economía que se baseaba no ladrillo e no turismo, segue sen haber unha proxección de crecemento. O sector inmobiliario está estancado e non houbo unha corrección de prezos como noutros sitios. Os analistas consideran que aínda hai percorrido, polo tanto as posicións de bancos e caixas están en cuestión porque non se sabe moi ben o valor que teñen nas contas. Isto non é cuestión dunha semana, senón dun tema estrutural de calado que vai xurdir de cada pouco ata que en España non haxa claridade.
"O problema de España é que non ten un obxectivo nin un plan de crecemento"
Que se di en Europa da situación económica de España? Que pensan os analistas?
España sempre se considerou en perigo, incluso incluíndoa entre os PIGS, porque é o país máis débil despois de Grecia, Portugal e Irlanda. Sexamos serios: o poder produtivo e industrial de Italia e a riqueza do sector privado superan con moito os niveis españois; e o desemprego ten niveis moito máis baixos. O paro en España é un grave problema. O desemprego dos mozos e as taxas de desemprego xeral asustan a calquera. Non é tanto o problema da débeda pública, aínda que tamén empeza a haber moitas dúbidas de que sexan reais os datos que dá o Goberno.
O cambio de Goberno non parece rematar coas dúbidas.
Na transición do PSOE ao PP houbo unha suba do déficit público que non agardaba a xente. De súpeto chega o PP e di un 8%, logo sobe máis... Cheira un pouco a Grecia e non é serio. Os partidos que están no Goberno manipulan as cifras. A comparación con Inglaterra é xusta: cando Cameron substitúe a Brown, as cifras que dixeron uns e outros foron exactas, non houbo cambio ningún. A credibilidade tamén se gaña con cousas como estas.
Daquela, España ten pouca credibilidade en Europa?
Pouco despois o PP non presenta os Orzamentos á espera dunhas eleccións autonómicas... Os analistas en Inglaterra non dan crédito; non é unha política de Estado; é política de partido, electoral. Ademais, coas acusacións que se fan sobre as autonomías, desde fóra tense a impresión de que en España hai demasiada descentralización e témese que o Goberno non sexa quen de impoñer as súas medidas a cada un dos territorios.
"Os analistas británicos non dan creto: a política de España non é de Estado, é de partido, electoral"
Dubídase das cifras de débeda pública que dá o Estado?
Sinceramente, ponse en dúbida que a cifra da débeda pública estea arredor do 70%; hai quen xa fala do 90%. Non hai transparencia e xorden os ruxerruxes. Ademais, cando chega o momento de asinar o pacto fiscal a nivel europeo, Rajoy di primeiro que non o acepta, despois negocia outro teito de déficit... Deste xeito España queda fatal, porque está nunha posición de debilidade e non pode impoñer os seus argumentos. Lembremos que o Estado está, de facto, intervido.
O Goberno nega que España estea intervida...
O déficit por conta corrente amosa que España é incapaz de financiar a débeda externa. É o BCE o que está a financiar esa diferenza entre o que España pode conseguir nos mercados e o que está gastando. É dicir, os bancos españois non poden conseguir crédito fóra, e se unha empresa española precisa comprar máquinas alemás e pide un préstamo a un banco español, este irá aos mercados e aos bancos internacionais a pedir o préstamo que el non pode ofrecer. Se estes non llo dan, non queda outra que este banco ou caixa vaia ao Banco de España a pedilo, que á vez llo pide ao BCE, que á súa vez llo acabará pedindo ao Banco Central Alemán. Por iso Alemaña está preocupada, porque ten moitos cartos aí metidos.
"España está de facto intervida; é o BCE o que lle está financiando a débeda externa"
Que solucións pode levar a cabo a Unión Europea?
Moitos analistas e expertos din que o pacto fiscal de estabilidade é unha ponte con só un pilar, falta o outro pilar e iso é case como un suicidio. O obxectivo final está claro: hai que construír unha unión fiscal, pero iso non é posible sen unha unión política. As diferenzas económicas entre norte e sur fano imposible, así que o que se precisa é unha unión de transferencias; o que ocorre aquí é que a un alemán lle asusta estar pagando de seguido para salvar os europeos do sur e é aí cando aparecen os estigmas e os receos entre uns países e outros. Pero a realidade é que unha unión monetaria non pode existir sen un orzamento federal que sexa capaz de redistribuir recursos. E para iso necesítase unha unión política.
Son os recortes a solución?
Se se seguen aplicando máis recortes en España, entrarase nunha espiral de débeda: menos actividade, menos consumo, menos recadación... É un círculo vicioso que non leva a ningures. O primeiro que hai que facer é estabilizar o sistema financeiro español. Precísase transparencia porque non a houbo. Hai que sacar os mortos do armario e saber canto se precisa para capitalizar os bancos españois e ver onde estamos. Como se recapitalizan? Agora hai un fondo de estabilidade, con case 800 billóns de euros, que se podería empregar, sen ser un programa de intervención, pero si como unha especie de rescate. Logo tería que haber unha política de investimento conxunta a nivel europeo, empregando os recursos dos fondos estruturais de cohesión. O que é difícil é que cada país achegue o 50% como se lle pide, polo que se debería baixar a achega de cada estado ao 15%, por exemplo, para que se poidan activar dunha vez eses fondos e crear proxectos de infraestruturas, rematar o AVE, fomentar a innovación, unha economía sostible...
"O recorte en I+D é dramático, unha política de inmolación; o valor engadido só se consegue investindo en educación"
Pero España acaba de recortar en investigación e en educación...
O recorte en I+D é dramático. É unha política de inmolación. Se España quere crear valor engadido, só o pode conseguir a través do investimento en educación e en I+D.
Que lle parece a amnistía fiscal?
É unha trapallada. Non sei que réditos vai crear, pero tamén é verdade que España é un dos países nos que máis se evade ao fisco. Aínda se pode facer moito. Todos estes problemas téñense que arranxar en España. Xa está ben de criticar constantemente a Alemaña, porque España ten moitos problemas que se taparon coa burbulla inmobiliaria. Podemos culpalos de que non nos axuden o suficiente, pero precísase máis autocrítica.
E o que máis se pode facer?
Tamén se debería empregar o Banco Europeo de Investimentos, que sempre actuaba no leste de Europa, pero que agora debe actuar tamén no sur, que está nunha situación dramática. Serían eurobonos para conseguir crédito máis barato dos mercados e a través deles financiar proxectos de innovación e crecemento. Proxectos de economía sostible e desenvolvemento. Ademais, este banco de investimentos podería estimular tamén o sector privado a través de apostas interesantes. O Goberno chino está desexando ver unha estratexia, un plan de investimento no sur de Europa. Chámao Plan Marshall ou como queiras, pero o que si debe haber é un control da UE. O erro foi dar cartos aos países europeos sen exercer ningunha supervisión nin comprobar que o seu uso fose efectivo.
Vendo este negro panorama, que opcións lle quedan a España para recuperarse?
A curto prazo, lamentablemente, para o Goberno non hai moita marxe de manobra. De facto, España está intervida. Depende do BCE para financiarse. Imaxina que o BCE di que xa abonda, que non presta máis... O Goberno español é dependente das autoridades europeas e non pode facer outra cousa que non sexa seguir as directrices de Bruxelas. Ou se deixa o euro e se vai á bancarrota, ou España ten que seguir apandando co que lle diga o BCE. É así de claro. A longo prazo, España ten que repensar a súa política educativa. A universidade ten que modernizarse. Hai que impartir menos teoría e máis formación práctica. Ten que haber maior cooperación entre o mundo empresarial e o mundo da universidade. Ten que estimularse o emprendimento na universidade. En Inglaterra, os estudantes de primeiro ano de universidade chegan xa con certas nocións de economía aprendidas na escola secundaria. En España non é así.
Seguirán Alemaña e a UE presionando tanto a España?
A teoría ortodoxa alemá que impera nas autoridades europeas é que a única maneira de parar este ciclo de débeda é establecer recortes e consolidación fiscal o suficientemente fortes. Saben que creará dor a curto prazo, pero tamén que estabilizará a débeda para xerar crecemento a medio e longo prazo. O problema é se España consegue chegar a ese medio-longo prazo antes de estoupar. A política alemá consiste en meter presión aos países ata poñelos contra a parede. Tamén é verdade que España só fai reformas cando ten a auga ao pescozo, cando está contra a parede.
Digamos que España está espertando do seu soño...
España espertou e ten unha resaca brutal. Esa é unha boa metáfora. Creo que se en España non hai máis xente na rúa protestando é porque hai quen tamén sente que se pasou, que pediu máis do que debía e que viviu por riba das súas posibilidades. O problema é a débeda privada, o sector empresarial e os fogares. España é o exemplo claro de que esa teoría neoliberal de que os mercados son eficientes e que é mellor que o Estado non interveña non é así. O Estado saíu do terreo de xogo, deixou de arbitrar o partido e os mercados actuaron dun xeito ineficiente e irracional. Meteron toda a riqueza no ladrillo, un sector claramente improdutivo.
"Témese que a frustración dos mozos sen traballo os leve á violencia"
Aínda así, cada vez hai máis conflitividade:º teme Europa o conflito social que se pode derivar dos recortes?
Son moitos os expertos que pensan que non será posible para o Goberno aplicar o plan de recortes polo conflito social que se provocaría en España. Desde un punto de vista anglosaxón, considérase que os sindicatos e o activismo obreiro son moito maiores no sur de Europa que no norte ou no centro. O capitalismo no Reino Unido é moi flexible e os sindicatos perderon moita forza despois de Thatcher, mentres que en Centroeuropa hai un modelo de cooperación e de diálogo moi positivo. O capitalismo mediterráneo, no entanto, caracterízase por un conflito constante entre empregado e empregador, e iso é lamentable. En Francia, pero sobre todo no sur, tras os recortes haberá un grande activismo e iso levará ao conflito social e posiblemente á violencia nas rúas. Desde un punto de vista dun inglés, que teñas 28 anos e non esteas traballando debería crearche unha frustración que leva inescusablemente á violencia. E témese iso, claro que se teme.
Pero non están pagando a crise os máis débiles e aqueles que non se endebedaron?
Está claro, pero iso tamén encaixa na versión alemá dos feitos. Eles pensan: “Nós non vivimos por riba das nosas posibilidades e aceptamos que nos baixasen os salarios para ser máis competitivos; por que teño que rescatar aos que se endebedaron?”. Isto é unha sociedade e ao final a clave é o grao de compromiso que tomas co pobo e o grao de unión desa sociedade. O problema dos países mediterráneos é a desigualdade en renda e patrimonio, e claro que pagan xustos por pecadores e claro que hai moita xente que se enriqueceu, mentres agora sofren os estudantes e moita da xente que sempre actuou de xeito moderado no gasto. Pagarán os que menos o merecen.
Os sindicatos incluso advertiron do perigo de conflitos internos entre a sociedade, da desunión.
É un risco porque calquera sociedade ten que tomar un compromiso para saír da crise de forma unida. Podes botarlle a culpa a moita xente, pero se non hai unión na sociedade española, vai ser prexudicial para todos, para o conxunto. Do mesmo xeito, se Alemaña non axuda os países do sur, vaille ir peor, pero as unións políticas nunca foron fáciles. Por esa mesma razón os EUA son a maior potencia económica mundial; son un país unido e non un conxunto de 27 países, coas súas culturas e diferenzas. Na sociedade pasa o mesmo. Os pobos unidos adoitan resolver mellor os problemas, tamén os económicos. Aos suízos, aos vascos, aos cataláns, aos chinos ou aos xudeus sempre lles foi bastante ben nese aspecto. Son xente unida que se apoia unha a outra.