Medio millón de persoas non poden manter quente a súa vivenda

Taxa de risco e exclusión social por idades Dominio Público Praza Pública

A Enquisa Estrutural a Fogares, que vén de publicar o IGE con datos actualizados a 31 de decembro de 2015, confirman que unha parte significativa das familias galegas seguen a sufrir situacións de pobreza e de carencia material. Amosan, iso si, unha leve mellora en case todos os indicadores con respecto aos anos anteriores.

489.680 persoas non se poden permitir "manter as súas vivendas a unha temperatura adecuada"

Porén, case medio millón de galegos e galegas (489.680, o 18% do total) declaran por exemplo que non se poden permitir "manter as súas vivendas a unha temperatura adecuada". O dato mellora o de 2014 (564.916) e 2013 (597.909), pero segue revelando a situación de pobreza enerxética que sofre unha parte importante da poboación galega. Así mesmo, 41 mil persoas afirman non poder permitirse "unha comida de carne, polo ou pescado cando menos cada dous días", un número afortunadamente moi inferior ao que se rexistraba en 2011 (140 mil).

O 35% dos fogares non se pode permitir "facer fronte a gastos imprevistos" e o 56% non se pode permitir "ir de vacacións unha semana ao ano"

A enquisa debulla outros conceptos aos que moitas persoas non poden acceder por falta de recursos económicos, subliñando por exemplo que o 35% dos persoas galegos (case un millón) non se pode permitir "facer fronte a gastos imprevistos" ou que o 56% (un millón e medio) non se pode permitir "ir de vacacións unha semana ao ano". Dous indicadores que non só non melloran nos últimos anos, senón que mesmo empeoran lixeiramente.

O 22,55% da poboación galega vive en situación de pobreza ou exclusión social. A porcentaxe chega ao 32% nos mozos e mozas de 16 a 24

O estudo indica que o 22,55% da poboación galega vive en situación de pobreza ou exclusión social, segundo os criterios fixados pola Estratexia Europa 2020 (que ademais dos ingresos ten en conta outros conceptos coma a carencia material ou a pertenza a fogares con todos os membros no paro). A porcentaxe mantense no mesmo nivel dos dous últimos anos pero unha vez máis revela diferenzas significativas por idade. A pobreza afecta especialmente aos mozos e mozas entre 16 e 24 anos (32%), movéndose entre o 24% e o 26% no resto dos grupos, agás os e as maiores de 65, con datos inferiores grazas á barreira contra a pobreza que constitúen as pensións de xubilacións (para este grupo e os seus familiares). A taxa de pobreza sitúase no 16,95%, mantendo a tendencia á alza iniciada en 2008 (cando era do 13,88%).

O ingreso medio por persoa dos fogares galegos situouse en 2015 nos 759 euros, lixeiramente por riba do dato de 2014 (749), pero aínda por debaixo da cifra acadada antes da crise económica

O ingreso medio dos fogares galegos por persoa situouse en 2015 nos 759 euros, lixeiramente por riba do dato de 2014 (749), pero aínda por debaixo da cifra acadada antes da crise económica (765 euros en 2009).

No 35% dos fogares galegos todos os ingresos proceden de prestacións (pensións de xubilación, subsidio de desemprego e outros). Esta porcentaxe cae unhas décimas dende o pasado ano, pero mantense en niveis máximos, moi por riba da cifra previa á crise (29,15% en 2007). De feito, no 44,46% dos fogares galegos máis da metade dos ingresos procede de prestacións (fronte ao 37,02% de 2007); no 36,1% as prestacións representan máis do 75% dos ingresos. 

 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.