Navantia asume a dificultade de conseguir o dique flotante para os estaleiros de Ferrol

Estaleiros de Fene e Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Novo pau para o naval de Ferrolterra. Navantia asume a dificultade para "atopar fórmulas de financiamento viables" para a construción nos estaleiros da ría ferrolá o dique flotante que levan anos reclamando os traballadores. Malia que a compañía estatal asegura que está a facer "todos os esforzos para atopalas", tampouco agocha que a chegada desta infraestrutura semella ben difícil.

Navantia recoñece as dificultades nunha carta remitida ao alcalde de Ares

Navantia recoñece estas dificultades nunha carta remitida polo conselleiro delegado da compañía, Jaime de Rábago, o pasado 7 de setembro ao alcalde de Ares e que fixo pública este luns o PSdeG ferrolán. Na misiva, o rexedor Julio Iglesias preguntaba a empresa sobre o futuro desta infraestrutura e sobre os motivos de que aínda non se convocase a reunión da comisión de seguimento que estaba anunciada para agosto. A firma recoñece que desde a última xuntanza de finais de xullo "avanzouse en todas as áreas do proxecto" e que xa se pode dar "por rematada a viabilidade do proxecto técnico".

No entanto, e malia que se recoñece que se traballou "en alternativas de financiamento con diferentes entidades de crédito", Navantia advirte das "dificultades pola escasa rendibilidade do proxecto, xunto coa complexidade e tamaño da operación, están dificultando atopar fórmulas de financiamento viables", e a pesar de "todos os esforzos nesta situación complicada". En canto á viabilidade xurídica, Navantia asegura tamén que "todos os condicionantes legais, especialmente os impostos por Bruxelas, non se poderán despexar enteiramente até que haxa unha proposta final enriba da mesa".

Jaime de Rábago asume que non se puxo aínda data para unha vindeira reunión da comisión de seguimento, pero aclara que se fara "tan pronto" como se teña "máis información relevante para definir alternativas viables".

Sestayo cre que a carta é "unha confesión da incompetencia e da culpabilidade dos gobernos do PP"

Beatriz Sestayo, deputada parlamentaria do PSdeG que fixo pública a carta, asegurou en rolda de prensa que a carta non é outra cousa que "unha confesión de incompetencia e de culpabilidade dos gobernos do PP ao confesar a escasa rendibilidade do dique flotante". Así, pide ao presidente da Xunta, Núñez Feijóo, que reclamen a Navantia a "construción da infraestrutura da que el mesmo se converteu en aval en todas as eleccións". "Preocúpanos que a carta fale da escasa rendibilidade do proxecto; semella que dar emprego a máis de 2.000 persoas e revitalizar a cidade non é rendible para o PP", concluíu.

Estaleiros de Fene e Ferrol CC-BY-NC-ND Xoán Porto

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.