Navantia desvía a Cádiz parte da construción do flotel de Pemex

Asemblea de traballadores de Navantia © Comité de empresa-Navantia

Parte do flotel que Pemex encargou a Navantia, e cuxo encargo apadriñaron Feijóo e a Xunta de Galicia durante meses, realizarase finalmente na factoría que a empresa estatal ten en Cádiz. Segundo lles vén de comunicar a compañía aos traballadores esta mesma mañá, prevense desviar oito dos 86 bloques da embarcación ao estaleiro de Puerto Real, malia que o Goberno galego vendeu esta operaicón como unha das solucións para paliar a falta de carga de traballo na ría de Ferrol

Oito dos 86 bloques do flotel construiranse en Puerto Real, segundo a empresa lles comunicou aos traballadores

Ante este novo atranco e marcha atrás por parte de Navantia, os traballadores estanse a manifestar xa este venres cunha marcha desde a factoría ata o Concello e logo dunha tensa asemblea. A empresa xustifica este cambio de plans no atraso na adxudicación dalgúns paquetes de obra que provocaron tamén atrasos na súa fabricación, algo que os representantes do cadro de persoal atribúen a unha estratexia da dirección.

Os repartos da carga de traballo entre os diferentes estaleiros de Navantia no Estado é algo habitual, pero os sindicatos critican que chegue cando a maioría dos traballadores están afectados por baixa actividade e, sobre todo, despois de que a Xunta de Galicia presumise dun contrato que dixo apadriñar e conseguir grazas aos seus acordos de colaboración co Goberno de México.

Foi o pasado mes de maio cando o corte de chapa do flotel daba inicio a un encargo que debía dar traballo a entre 300 e 400 operarios durante uns 29 meses nos que se completarán máis dun millón de horas de traballo. Son moitos menos dos "3.000 empregos para os próximos dous anos" que Feijóo prometera naquel preacordo con Pemex de setembro de 2012 e tamén menos dos 1.300 empregos directos cos que conta o estaleiro. Ademais, a incidencia desta construción sobre as auxiliares, nas que se despediron unhas 4.000 persoas nos últimos anos, será moi pequena.

O alcalde de Ferrol advirte "dunha clara e contundente resposta política" de confirmárense as intencións de Navantia

Os traballadores, pola súa banda, e logo de marchar en manifestación ata o Concello, cualificaron de "burla" o desvío de traballos dun flotel que, segundo din, tan só emprega a cen persoas na actualidade, e lembraron que foi Feijóo "quen presumiu" de obter este encargo da petroleira estatal mexicana.

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, referiuse xa a esta situación nun acto público advertindo que, de confirmarse esta intención de Navantia, exixirá "responsabilidades políticas á dirección". "É absolutamente impresentable que por cuestións técnicas se pense en trasladar carga de traballo da ría de Ferrol á de Cádiz", asegurou o rexedor, que avisa que a decisión terá "unha clara e contundente resposta política".

O PSdeG pide "explicacións" a Feijóo "coa mesma axilidade coa que ordenou interromper a programación da TVG para anunciar a construción"

Ademais, o PPdeG, a través do seu voceiro parlamentario, Miguel Tellado, cre que "nada xustifica que parte do flotel se poida facer fóra de Galicia" e cualifica a decisión de "intolerable e inadmisible", pola que "non a comparten, ao igual que a Xunta, que pide "sentido común". O PSdeG, pola súa banda, pide "explicacións" a Feijóo "coa mesma axilidade coa que ordenou interromper a programación dos medios públicos para anunciar a construción do buque".

O Bloque, ademais, preguntoulle a Feijóo "se pensa presentarse ás primarias do PP en Andalucía", dado que "as súas xestións comerciais tan dilixentes" con Pemex ao final serven "para que a carga de traballo marche fóra de Galicia". A deputada Carme Adán cre que, "na situación na que está Ferrol", non se pode "seguir permitindo que nos tomen o pelo" e pide "responsabilidades políticas", tanto ao presidente da Xunta como ao conselleiro de Economía e Industria.

AGE, pola súa banda, critica a "falta de vontade" de Feijóo á hora de apoiar o naval e censura a "comedia" do PP culpando agora a Navantia. Antón Sánchez, deputado de Alternativa, destaca que cando se asinou o contrato "foi o presidente quen saíu a presumir", pero agora cando se desvían traballos a Cádiz "a culpa é da empresa":

HABERÁ AMPLIACIÓN

Corte de chapa do flotel de Pemex en Navantia © Navantia
Asemblea de traballadores de Navantia © Comité de empresa-Navantia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.