No peche da COP29, Galiza sen Gas reclama o peche das centrais de ciclo combinado de Sabón e As Pontes

Central eléctrica de ciclo combinado a gas fósil de Sabón, propiedade de Naturgy CC-BY-SA Galiza sen Gas

Este venres péchase en Bakú (Acerbaixán) a Conferencia anual das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP29). Galiza Sen Gas vén de reclamarlle á Xunta unha estratexia para reducir progresivamente o consumo de combustibles fósiles ata a súa eliminación definitiva en 2040

Este venres péchase en Bakú (Acerbaixán) a Conferencia anual das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático (COP29), un encontro que nas últimas dúas semanas buscou consensuar accións para a transición enerxética ou para a compensación das prexuízos provocados polo cambio climático. Coincidindo co remate da COP29, a plataforma Galiza Sen Gas vén de reclamarlle á Xunta unha estratexia para reducir progresivamente o consumo de combustibles fósiles ata a súa eliminación definitiva en 2040.

A transformación e consumo final de combustibles fósiles -petróleo e gas- é o responsable do 73% das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro. 

Galiza sen gas pide avanzar cara a unha produción eléctrica 100% renovable en Galicia para o ano 2030, unha estratexia que incluiría planificar o peche das dúas centrais de ciclo combinado a gas fósil (Sabón e As Pontes) e das 61 centrais de coxeración alimentadas con gas fósil ou con produtos petrolíferos.

Central de ciclo combinado nas instalacións de Endesa nas Pontes © Endesa

A plataforma pide avanzar cara a unha produción eléctrica 100% renovable en Galicia para o ano 2030, unha estratexia que incluiría planificar o peche das dúas centrais de ciclo combinado a gas fósil (Sabón e As Pontes)

O carbón abandonouse por completo no ano 2023; o seguinte paso agora sería o abandono do gas (ao redor do ano 2035), para finalmente deixar de empregar petróleo. A entidade subliña que "a fin da enerxía fósil é unha acción climática prioritaria e insubstituíbel", que non pode ser "reemprazada por absorcións de dióxido de carbono (CO2) debidas a plantacións forestais implantadas a miúdo en Galicia con fortes impactos negativos sobre a biodiversidade", en referencia ás plantacións de eucalipto. 

"As absorcións conseguidas polos usos do solo e a forestación teñen un papel complementario pero non substitutivo da eliminación do uso de combustíbeis fósiles", engade Galiza sen Gas.

Galiza sen Gas critica a ausencia dunha folla de ruta galega para pór fin á enerxía fósil

Galiza sen Gas critica a ausencia dunha folla de ruta galega para pór fin á enerxía fósil, sinalando que incumpre o acordo histórico da pasada COP28 de deixar atrás os combustibles fósiles. Por exemplo, a entidade denuncia que a Axenda enerxética de Galicia 2030 da Xunta non fixa o obxectivo dunha produción 100% renovable en 2030, senón que o rebaixa ao 84,8%.

Coches nunha gasolinera en Tui © Google

A transformación e consumo final de combustibles fósiles -petróleo e gas- é o responsable do 73% das emisións galegas de gases de efecto invernadoiro

A plataforma sinala que "a falta de interese da Xunta por acelerar o fin dos combustíbeis fósiles levou recentemente a unha sorprendente rebaixa do seu obxectivo de redución de emisións de gases de invernadoiro para 2030". O obxectivo de -55% con respecto a 1990, anunciado por primeira vez na COP de Glasgow (2021) e plasmado en documentos como a Axenda Enerxética de Galicia 2030, pasou de referirse a emisións brutas (sen descontos por absorcións do sector “usos da terra, cambios no uso da terra, e silvicultura”) a emisións netas. 

Galiza sen Gas explica que "isto supón recortar a cero a ambición climática para a presente década" pois as emisións brutas son un 33% inferiores a 1990 e as emisións netas un 60% (2022). A entidade propón unha redución de polo menos o 65% das emisións brutas para 2030 na procura da neutralidade climática (emisións netas cero) en 2035-2040.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.