Non aceptar correos en galego da CIG suponlle a Indra unha multa de 6.200 euros

Sede de Indra na Coruña © Google Street View

O TSXG ratifica unha sanción imposta pola inspección laboral por "discriminación" da delegación sindical polo uso dunha lingua oficial

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar unha sanción da inspección laboral a Indra por non aceptar correos en galego que lle remitiu a representación da CIG e pedir que fosen en castelán. O tribunal enmarca a sanción no incumprimento dos artigos do Estatuto dos Traballadores que prohiben discriminación polo uso dunha lingua oficial.

Unha mobilización da CIG ante a sede de Indra na Coruña © CIG

A sanción a Indra, imposta pola Consellería de Emprego tras constatar inspección laboral os feitos, fai referencia a varios correos electrónicos remitidos pola empresa á representación sindical da CIG entre 2017 e 2019 nos que pediu que non se lle escribise en galego senón en castelán, con argumentos como que esa é unha "lingua que é común para vostede e para nós", "para evitar calquera malentendido ou erro de interpretación", "en aras de poder entendernos" ou "para que nos enteremos do que enviades".

A empresa pedía á CIG comunicacións en castelán "para que nos enteremos do que enviades"

A empresa foi multada con 25.001 euros, contía que o TSXG rebaixa a 6.251 euros pero mantendo o fondo da sanción. Así, o tribunal remítese ao artigo 4.2 do Estatuto dos Traballadores que "establece que na relación de traballo, os traballadores teñen dereito" a "non ser discriminadas directa ou indirectamente", entre outras cuestións, "por razón de lingua dentro do Estado español". 

Sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia © TSXG

A sentenza salienta que a empresa puido "contar coa contratación dunha persoa coñecedora da lingua cooficial en Galicia, ou facendo uso de tradutores como se realizou posteriormente".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.