Carlos Taibo vén de participar nunha palestra en Santiago na que se analizaron as alternativas á precariedade e ao desemprego actual no Estado e en Galicia. O escritor, editor e profesor da Universidad Autónoma de Madrid, convidado pola Asemblea Aberta e Desempregad@s Compostela, aposta por "crear espazos de autonomía con regras de xogo diferentes ás do sistema capitalista" e recoñece o seu "receo xeral pola vida política cotiá e convencional dos partidos e das eleccións".
Hai alternativas a este desemprego dentro do sistema actual?
Pois non, non lle vexo alternativa dentro do sistema. Cada vez é máis urxente que apostemos por saír do capitalismo, que apostemos por crear espazos de autonomía nos que apliquemos regras de xogo diferentes ás imperantes. Alén disto, as receitas oficiais de enfrontamento da crise o que fan é acrecentar o desemprego, e ese horizonte está claramente manifestado no propio horizonte político dos nosos gobernantes.
O Goberno admite que non creará emprego, os mozos ven o futuro negro... Hai demasiada tranquilidade nas rúas?
Non creo que as cousas estean tan tranquilas e nese caso será porque os sindicatos maioritarios non están a desenvolver a oposición que deberían desenvolver, talvez porque afilian traballadores asalariados e non os afectados polo problema do desemprego. Entendo que o que significa o movemento do 15M é unha resposta popular na rúa ante tanta ignonimia. De calquera xeito, outra das claves da explicación é que nos últimos tempos agromaron determinadas redes de solidariedade, principalmente vinculadas á familia, que fan que os problemas non sexan literalmente tétricos na maioría dos casos, algo que contribúe a explicar determinados equilibrios que noutras condicións serían difíciles de explicar.
"Non lle vexo alternativa ao desemprego dentro deste sistema"
E moi difíciles de explicar noutros lugares...
Si, pero na Europa mediterránea ocorre este paradoxo, que é o lugar que máis sofre a crise e tamén aquel onde máis se dan estas redes solidarias. É un fenómeno que merecería a atención sen dúbida.
Fala de espazos de autonomía con regras de xogo diferentes, están a aumentar estas alternativas?
Poden aumentar. A deriva fundamental do 15M non é tanto facer propostas na confianza de que sexan escoitadas polos gobernantes, senón en abrir eses espazos de autonomía. Iso significa Fiare, a banca autoxestionada e social desde abaixo e que pretende funcionar sen usura e lucro; as cooperativas integrais; os traballadores decidan xerar en réxime autoxestionario as empresas que son obxecto de peche agora... En todas as ordes da vida, un podería imaxinarse este horizonte de saír da lóxica do capital para construír un mundo diferente desde a base.
"O obxectivo do 15M non é tanto facer propostas como abrir espazos de autonomía e alternativos para saír da lóxica do capital"
A presión do capitalismo permitiría alternativas como esas das que fala?
Sería difícil en calquera caso, pero non creo que teñamos outra posibilidade de actuar. Sospeito que a dimensión pedagóxica vinculada coa xeración destes espazos pode ser interesante porque pode contribuír a que cada vez máis xente se interese. As cousas fácil non as temos, iso está claro.
O cooperativismo é un bo exemplo desa colaboración alternativa. Non está moi abandonado en Galicia?
O bo cooperativismo é un exemplo máis deses espazos de autonomía, é verdade. No caso galego, eu teño de sempre a intuición de que o feito de que as cidades non crecesen de máis e de que a vida no medio rural conserve cunha forza innegábel é un activo interesante a efecto de desenvolver estratexias de autoxestión e de democracia directa. Non é nese terreo un dos países máis castigados e con menos posibilidades para artellar este tipo de estratexias.
"Galicia, pola forza do seu medio rural, ten máis posibilidades de artellar estratexias de autoxestión e de democracia directa"
Pero falta o apoio decidido das administracións...
Sempre faltou, pero pensando no 15M, depender das políticas oficiais para desenvolver estas medidas é un erro a medio e curto prazo. Debemos empezar a romper coa perspectiva do xogo da política tradicional, dos recursos públicos, tanto máis cando se ve ben que se moven claramente a prol dos intereses privados.
Vostede sempre defendeu que o crecemento non é sinónimo de benestar e apostou polo decrecemento como solución ás crises continuas que provoca o capitalismo. Séntese só nas súas propostas?
Non me sinto só. Cada vez hai máis xente que, en virtude dunha posición ideolóxica ou dunha decisión vital, chega a conclusións parecidas. O que acontece é que a esquerda tradicional está atrapada no discurso de sempre. Parece que só hai dúas alternativas: aceptar os recortes ou reivindicar recortes menores para volver á lóxica do crecemento. Eu penso que debemos apostar por un terceiro camiño diferente que recea dos recortes e que ao mesmo tempo recea das presuntas virtudes liberadoras do crecemento económico porque calquera persoa sensata se decata axiña de que son nulas.
"A esquerda tradicional está atrapada no discurso de sempre; parece que só hai dúas alternativas: recorte ou crecemento, pero hai unha terceira"
Falta conciencia crítica?
A minoría lúcida e crítica creceu nos últimos anos, é evidente. Agora ben, non quero enganar: a tarefa de conseguir que esa minoría deveña nunha maioría aínda está por facer. As estratexias de xeración de medo son extremadamente eficientes. Hoxe a maioría dos traballadores asalariados teñen medo a perder o seu posto de traballo, que consideran que é xenuíno privilexio. Nesas condicións, o camiño por diante está case todo por facer.
Hai algún partido que se achegue ás súas propostas?
De entrada direi que non, pero claro que hai diferenzas nos discursos dos partidos. Se un analiza polo miúdo os militantes de base dunhas e doutras forzas políticas, descobre que hai xente moi próxima, pero debo confesar que teño un receo xeral pola vida política cotiá e convencional dos partidos e das eleccións. Xa comprobamos cal era o alcance desa vía e a capacidade de absorción das forzas que no seu momento, con lucidez ou sen ela, desenvolveron un discurso crítico... E estou pensado directamente no BNG. Para min, a experiencia do Bloque nos catro anos de goberno foi nefasta para a propia lóxica e ideoloxía desa forza política.
"Vexo con pouco interese o que pasa no BNG; a distancia entre a esquerda política e a esquerda social é cada vez máis grande"
Daquela, cre que lle vén ben ao BNG a escisión?
Non o sei, haberá que deixar que o tempo determine as capacidades duns e doutros, pero xa dixen que vexo con pouco interese o que acontece aí. Creo que hai unha distancia cada vez máis notable entre a esquerda política dun lado e a esquerda social do outro.
No 15M non hai esa distancia, debería o movemento pensar en entrar na política?
Non, sería un erro. Preguntábanme non hai moito se dispondo do 51% da simpatía da poboación española, non era o momento de que o 15M se convertese nun partido político. Eu creo que se se fixese iso, esas simpatías viríanse abaixo da noite á mañá. As simpatías teñen moito que ver coa súa condición apartidaria e da capacidade de xerar un espazo diferente onde xentes moi diferentes, incluídos militantes de partidos, atopan posibilidades positivas de comunicación e de acción. Debemos facer o que estea dentro das nosas mans para mantelo así.