Novagalicia precisa 7.176 millóns, mil máis dos que prevía Castellano

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública

"Pedimos 6.000 millóns de euros, que cubrirían con exceso as necesidades dos dous decretos", isto é, dos requisitos impostos polo Goberno central ás entidades financeiras a instancias da Unión Europea. Estas palabras pronunciábaas a mediados de xullo o presidente de Novagalicia Banco, José María Castellano, na presentación da campaña de imaxe coa que a entidade pretendeu amosar o seu "compromiso" co país, ademais de pedir "perdón" polas prácticas das antigas caixas. Naquela comparecencia pública Castellano matizaba, non obstante, que "a cantidade determinarase en setembro", deixando a porta aberta a que puidese ser menor. Setembro chegou e, cando está a piques de rematar, estes venres a consultora Oliver Wyman fixo públicos os resultados da auditoría da banca española que lle encargou o Goberno central. E o resultado súmalle algo máis de mil millóns de euros ás previsións de Castellano.

Novagalicia é a terceira entidade do Estado con máis necesidades de capital

Novagalicia Banco precisa 7.176 millóns de euros para sanearse, o que a converten na terceira entidade do Estado con maiores necesidades de capital. Supéraa sobradamente Bankia, con 24.743 millóns -tamén por riba das previsións- e está tamén por diante Catalunya Bank, con 10.825. E ningunha máis. O resto dos bancos españois, tanto os intervidos como os que non o están, precisan menos cartos. Por tras de NCG atópase o tamén nacionalizado Banco de Valencia -3.462 millóns-, o Banco Popular -3.223 millóns-, Banco Mare Nostrum -2.208 millóns- e Ibercaja, Liberbank e Caja 3, que necesitan 2.108 millóns. Agora resta saber cantos destes fondos sairán directamente das arcas públicas, se ben o secretario de Estado de Economía, Fernando Jiménez Latorre, avanza que, finalmente, a cantidade que o Estado lle pedirá á Unión Europea para o rescate bancario non serán "máis de 40.000 millóns de euros".

Neste contexto, as únicas entidades bancarias que contan con excedentes de capital, e polo tanto, poderían afrontar un escenario económico adverso sen recapitalizarse, son só sete: Banco Santander , BBVA, Caixabank, Kutxbank, Sabadell, Bankinter e Unicaja. Nomeadamente, o excedente do Santander é de 25.297 millóns de euros, o BBVA conta con 11.183, Caixabank ten un colchón de 5.720 millóns, Kutxabank conta con 2.188, o Sabadell ten 915 e o excedente de Bankinter e Unicaja está en 399 e 128 millóns, respectivamente.

Necesidades de capital da banca (fonte: Banco de España)
Entidades Necesidades en escenario adverso
Bankia -24.743
Catalunyabank -10.825
Novagalicia Banco -7.176
Banco de Valencia -3.462
Banco Popular -3.223
Banco Mare Nostrum -2.208
Ibercaja+Liberbank+Caja 3 -2.108
Unicaja +128
Bankinter +399
Sabadell +915
Kutxabank +2.188
Caixabank +5.720
BBVA +11.183
Santander +25.297
TOTAL DAS NECESIDADES - 53.745

 

Castellano e César González-Bueno, dirixentes de Novagalicia CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.