"O 21-O non foi un plebiscito que avalase a Rajoy, o plebiscito son os seis millóns de parados"

Ignacio Fernández Toxo CC-BY-SA Praza Pública

"Folga xeral" e "Rajoy dimisión" foron os dous berros máis repetidos polos delegados de CC.OO. en Galicia, que este martes celebraron en Teo a súa Asemblea Nacional coas intervencións de Ignacio Fernández Toxo, secretario xeral de CC.OO, e de Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral do sindicato en Galicia. Ambos os dous centraron os seus discursos na valoración dos resultados electorais do pasado 21-O, nas críticas ás polítícas de recorte do PP e a defender a necesidade da folga xeral do vindeiro 14N. De feito, este mércores, ás 11:30 horas, os secretarios xerais da CIG, UGT e CCOO presentarán no rexistro central da Xunta a convocatoria de folga xeral.

Fernández Toxo e Sánchez Aguión denunciaron que fronte ao afirmado polo rei Juan Carlos e pola ministra Fátima Báñez "non hai brotes verdes nin recuperación" e en concreto Toxo acusou a Báñez de "ocultar a realidade" e de "querer confundir á sociedade" coas súas afirmacións. Toxo defendeu que a folga é "oportuna e necesaria" e mesmo afirmou que "hai tempo que se viñan dando razóns para a súa convocatoria". Tamén acusou a Rajoy de querer evadir as súas responsabilidades: "Xa non son os parados de Zapatero: son a consecuencia das politicas iniciadas por Zapatero e profundizadas polo de Rajoy. Dous anos e medio de politica de recortes impostos por Bruxelas e levadas a cabo polos dous partidos producen estes seis millóns de parados".

Tamén criticou que se pretenda facer unha lectura da vitoria de Feijoo nas eleccións galegas en clave de "plebiscito" que avale os recortes e "as políticas do PP". Toxo lembrou os máis de cen mil votos que perdeu o PP e o beneficio que obtivo da lei electoral e afirmou que "o verdadeiro plebiscito son os seis millóns de parados" e tamén "a mobilización dos sindicatos e outros movementos sociais presentes na cidadanía". E destacou que nos resultados das eleccións galegas tamén se advirte un "reposicionamento na esquerda que indica que aquí non todo é resignación non todo o mundo está por aplaudir que producen cada vez máis deterioro da situación económica". As mencións aos resultados de AGE foron aplaudidas masivamente por todos os presentes.

Toxo tamén criticou a actitude de CSIF, que anunciou que non participará na folga: "van ter que explicar moito o que é inexplicable" cando, ademais, "dous meses despois se lles vai eliminar a paga extra aos funcionarios". "Pero vai haber folga xeral nas administracións públicas", dixo.

 

A folga do 14N: "histórica"

Toxo e Aguión cualificaron de "histórica" e de "fito sen precedentes" a folga xeral europea do 14N, con paros xerais e parciais en España, Portugal, Grecia e Italia e mobilizacións en Alemaña, Bélxica ou Francia. Sánchez Aguión cualificouna de "resposta global a unha crise global da que son culpables ambitos financeiros internacionais" e destacou igualmente que a folga sexa organizada non só polos sindicatos senón tamén por outras entidades sociais porque "os recortes non só afectan aos traballadores senón a toda a poboación".

Aguión afirmou que "esperamos que a unidade de acción entre CC.OO. UGT e CIG dure moito tempo" e esixiu a convocatoria dun referendo sobre os recortes

Ademais afirmou que "esperamos que a unidade de acción entre CC.OO. UGT e CIG dure moito tempo" e esixiu a convocatoria dun referendo sobre os recortes: "non puidemos pronunciarnos sobre a reforma laboral ou os recortes no Estado de Benestar. Falsea a democracia e só pode resolverse coa convocatoria dun referendo".

“Os resultados electorais dóennos e non reflicten o ambiente de contestación que hai nas rúas. Pero hai esperanza pois nas sete grandes cidades de Galicia os votos a PSdeG, AGE e BNG foron moi superiores aos do PP"

En canto ás eleccións galegas, o secretario xeral de CC.OO. en Galicia afirmou que “os resultados electorais dóennos e non reflicten o ambiente de contestación que hai nas rúas". Pero engadiu que "hai esperanza" pois "nas sete grandes cidades de Galicia os votos a PSdeG, AGE e BNG foron moi superiores aos do PP. E vai ser nestas sete grandes cidades onde se producirá máis contestación o vindeiro 14N na folga xeral”. De igual xeito criticou que “o sistema electoral beneficia a dereita ao sobrerrepresentar as zonas rurais e a Lei d'Hont" e que "a dispersión da esquerda tamén beneficiaron ao PP”. E sinalou que “PSOE e BNG non souberon superar as dificultades que arrastraron ao longo da lexislatura. A cidadanía galega non ratificou as políticas do PP senón que castigou a oposición”.

Xosé Manuel Sánchez Aguión CC-BY-SA Praza Pública
Imaxe da Asemblea Nacional de CC.OO. CC-BY-SA Praza Pública
Imaxe da Asemblea Nacional de CC.OO. CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.