O 75% do gasto militar ocúltase fóra das contas do Ministerio de Defensa

Manobras militares CC-BY-NC-ND Carmen Alonso Suarez

Os Orzamentos Xerais do Estado para 2015 destinan 23.373,93 millóns de euros a gasto militar, pero tan só unha cuarta parte deses fondos (5.767,77 millóns) son xestionados directamente polo Ministerio de Defensa, mentres que as tres cuartas partes restantes repártese entre outros departamentos. Así o asegura un informe elaborado polo colectivo Utopía Contagiosa co apoio doutras entidades, como Ecologistas en Acción, Grupo Antimilitarista Tortuga de Elche, Espazo Aberto Antimilitar de Vigo, Colectivo Antimilitarista Mambrú, La Enredadera de Radio Topo de Zaragoza e Canarias por la Paz.

Analizando deste xeito todas as partidas, o gasto militar do Estado español elévase até o 5,3% do total dos orzamentos e ao 2,2 % do PIB, 502 euros por habitante. O informe engade que a cifra final podería ser maior, tendo en conta que nos últimos anos o Ministerio de Defensa adoita gastar moito máis do que ten oramentado, a través de investimentos extraordinarios e créditos. O pasado ano, por exemplo, como denunciaba un informe do Centre d'Estudis per la Pau J.M. Delàs, gastáronse 1.838 millóns de euros de máis, e 2.763 de máis en 2012. Estes fondos dedícanse principalmente a paga os chamados Programas Especiais de Armamento e tamén as misións militares no exterior.

O gasto militar distribúese entre 12 dos 13 ministerios existentes (só se salva o de Xustiza) e destaca o seu peso no Ministerio de Presidencia, onde o gasto do CNI representa o 55% do seu orzamento, ou no de Interior, onde a Garda Civil absorbe o 35% do seu gasto. Destaca tamén o gasto militar dependente do Ministerio de Indutria (máis de 600 millóns de euros), dedicado principalmente a "Apoio á innovación tecnolóxica do sector de Defensa". Sorprenden tamén pola súa importancia outras partidas, coma a dedicada a "Potenciar a participación e defensa dos intereses de España nos Organismos Internacionais de Seguridade", que recibirá 170 millóns de euros en 2015. Finalmente, unha parte moi importante do gasto militar atópase en seccións do orzamento non asignadas a ningún ministerio: 8.722,19 dedicados a pagar a débeda militar

No seu informe, Utopía Contagiosa fai fincapé na nacesidade de considerar gasto militar todas as partidas que teñan estes fins, e non unicamente as contas do Ministerio de Defensa. De feito, destaca que no estudo seguiu os mesmos criterios empregados pola OTAN para medir os gastos militares dos países que conforman a organización. Subliña, a este respecto, que no informe non analizou os orzamentos das comunidades autónomas, que inclúen "partidas que ou ben transfiren fondos a estruturas militares ou da Garda Civil, ou ben subvencionan industrias militares radicadas no seu territorio", polo que a suma final do gasto militar español podería ser superior ao indicado. O colectivo lembra, igualmente, outros beneficios fiscais e económicos (coma a exención do pagamento do IBI) do que gozan as instalacións e institucións militares.

Nos últimos anos chamou moito a atención, igualmente, o crecemento experimentado polo gasto en investigación militar, que en 2014 creceu un 40% con respecto a 2013. Este crecemento, unido ao estancamento ou mesmo diminución no apoio público á I+D+i vén debuxar un panorama no que a investigación militar cada vez ten un peso maior na investigación que se fai en España. Así, o investimento en investigación militar foi en 2014 o 8,26% do total da I+D española, mentres en 2013 representaba só o 6,13%.

O informe péchase lembrando que este gasto militar mantense nun contexto de fortes recortes sociais e destaca algunhas equivalecias de gasto, comparando por exemplo que o custe dun tanque Leopard é o mesmo que o de dous colexio, que 14 mísiles Tomahawk equivalen a un hospital. Ou que cos cartos que o Estado gasta en manter un soldado en Afganistán podería pagar o soldo de 14 mestres de secundaria. Ou que os cartos gastados nas operacións dun avión de combate en Libia poderían pagarlles os soldo a 684 profesionais sanitarios.

Desfile militar CC-BY-NC-ND copsadmirer@yahoo.es
Manobras militares CC-BY-NC-ND Carmen Alonso Suarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.