A folga de 24 horas convocada polo comité de empresa de Bosch para rexeitar o ERTE que a empresa aplica en Vigo está a ter un seguimento maioritario entre o cadro de persoal. Ao redor do 80% das traballadoras e traballadores da compañía secundou este mércores a mobilización, que incluíu unha concentración ante as sedes da empresa.
Protestan contra a aplicación do ERE temporal que afecta a case 600 traballadoras dende o pasado mes de febreiro
Protestan principalmente contra a aplicación do ERE temporal que afecta a case 600 traballadoras dende o pasado mes de febreiro. Dende a CIG denúnciase que o ERTE se deseñou "a cegas" e cunha previsión "de máximos" e subliñan que a carga de traballo procedente de Vodafone segue a ser moi elevada.
As causas do ERTE están nos problemas que arrastra Vodafone España dende hai meses. Bosch-Vigo encárgase das funcións de soporte técnico, provisión administrativa e reclamacións da compañía de telecomunicacións e argumenta que a caída na carga de traballo procedente de Vodafone fai necesaria a regulación de emprego. Ademais do ERTE, Bosch decidiu prescindir doutras 200 traballadoras que estaban contratadas a través de empresas de traballo temporal (ETT).
Bosch é a segunda empresa con máis traballadores en Vigo
A presidenta do comité de empresa, Laura Pérez Figueroa, da CIG, expresou a satisfacción da representación sindical polo elevado seguimento que rexistra a folga. Nas concentracións convocadas na Avenida de Madrid e da rúa María Berdiales os berros máis escoitados foron “Non é un ERTE, é unha estafa”, “Despidos para os directivos” e “Este ERTE ímolo parar”.