O 82% dos ingresos das industrias extractivas vai para empresas que teñen fóra a súa sede

% da cifra de negocio total de cada sector realizada en Galicia por empresas con sede noutras CC.AA. Dominio Público Praza Pública

A inmensa maioría do negocio xerado en Galicia polas industrias extractivas, minas, enerxía, augas e residuos é facturado por empresas que teñen a súa sede no resto de España. Exactamente o 81,9%, unha porcentaxe que se mantivo estable nos últimos anos e que é maior (86,1%) se só temos en conta as compañías de máis de 10 empregados. Son os datos que este martes publicou o Instituto Galego de Estatística (IGE) na súa Estatística de multilocalización empresarial.

"Haberá un tipo de actividades -extractivas- que se imporán sobre outras -agrarias e produtivas-. Isto debería facer reaccionar á patronal galega, porque as empresas beneficiadas non van ser as súas", advertía Eirexas sobre a Lei de Depredación

Este funcionamento das industrias extractivas é moi distinto do que teñen outros sectores. Aínda que o sector industrial no seu conxunto é aquel no que unha parte máis importante dos seus ingresos é facturada por empresas con sede noutras comunidades autónomas, a proporción fica no 34%, moi lonxe. Tan só o subsector de Metalurxia e fabricación de produtos metálicos (60,4%) se achega un pouco a esa situación. No sector servizos o 20,2% da cifra de negocio é facturada por empresas foráneas e no comercio a porcentaxe redúcese ata o 15,3%. Estas industrias extractivas foráneas representan, pola contra, unha proporción moi inferior do emprego total das industrias extractivas galegas, exactamente o 52,5%

Entre as críticas realizadas nos últimos meses polos colectivos contrarios á Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, máis coñecida como "Lei de Depredación", aprobada polo PP no Parlamento o pasado 17 de outubro, unha das principais era que a nova norma ía beneficiar ás industrias extractivas (mineiras, enerxéticas...) e que estas, ademais, en boa medida non eran galegas. "O PP bótase directamente aos brazos das grandes multinacionais co argumento de que van prover un desenvolvemento que non é tal, porque só vai xerar un beneficio especulativo para esas empresas", denunciaba Fins Eirexas en entrevista con Praza. "Haberá un tipo de actividades -extractivas- que se imporán sobre outras -agrarias e produtivas-. Isto debería facer reaccionar á patronal galega, porque as empresas beneficiadas non van ser as súas", advertía Eirexas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.