A Sareb, o denominado 'banco malo', vén de crear unha promotora inmobiliaria (Árqura Homes) a través da que construirá máis de 17.000 vivendas en todo o Estado ata o ano 2027, 800 delas en Galicia. 482 delas estarán na provincia da Coruña e 312 na de Pontevedra. En Andalucía, Cataluña e Madrid constuiranse o 58% dos inmobles.
482 delas estarán na provincia da Coruña e 312 na de Pontevedra
A entidade, que chegou a posuír 100.000 vivendas baleiras, das que aínda conserva 45.000, di confiar en que conseguirá vender todas as novas construcións neste prazo. O seu presidente, Jaime Echegoyen, augura que se van vivir "cambios de ciclo" e que estas vivendas de nova creación buscan "satisfacer a demanda de inmobles que segue existindo non só nas grandes cidades de España, senón tamén nas áreas metropolitanas das mesmas".
Entre estas 17.000 vivendas de nova creación, o 41% corresponde a promocións en curso; o 29%, con solo en desenvolvemento; o 27%, con solo finalista; e o 3%, con construcións que se atopan paradas na actualidade.
En 2012 Novagalicia Banco transferiulle máis de 5.000 millóns de ladrillo 'tóxico'
A Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb) constituíuse no ano 2012 cos activos das entidades financeiras que foran nacionalizadas polo Estado ou que estaban en proceso de reestruturación (Bankia, NCG Banco, Banco Gallego, Catalunya Banc, Banco de Valencia, Banco Mare Nostrum, CEISS, Caja3, Liberbank...). Novagalicia Banco transferiulle máis de 5.000 millóns de ladrillo 'tóxico', chegando a sumar unhas 100.000 vivendas que tentará vender ata o ano 2027. O pasado ano vendeu máis de 20 mil inmobles. A Sociedade está constituída nun 55% por capital privado e nun 45% por capital público a través do FROB.
O banco malo posúe aínda unha importante cantidade de solo e activos tóxicos. O ano pasado, por exemplo, tentou desfacerse de 41 parcelas da ruinosa urbanización de Fadesa en Miño. en 2017 a Sareb negouse a informar ao Parlamento sobre os activos inmobiliarios tóxicos que absorbeu no rescate de Novacaixagalicia. Mentres ocultaba esta información, a entidade ofrecía publicamente unha parte deses activos inmobiliarios.
En Galicia hai 300.000 vivendas baleiras
En Galicia hai 300.000 vivendas baleiras, segundo os datos do último censo publicado, que data do ano 2011 e que será actualizado dentro de dous anos. Unha de cada catro (máis de 75 mil) tiñan menos de dez anos de antigüidade. 90.000 corresponden ás sete grandes cidades, encabezadas pola Coruña (19.283), Vigo (18.588) e Ourense (14.561)