O BNG reclámalle á Comisión Europea que os poderes públicos poidan regular os prezos agrarios

José Manuel Silva e Ana Miranda no encontro co sector agrario galego © Delmi Álvarez

O BNG reclámalle á Comisión Europea que a futura Política Agraria Común (PAC) 2014-2020 recolla mecanismos públicos de regulación que permitan ao sector agrario de Galiza facer fronte a inestabilidade dos prezos e, en consecuencia, garantir unha renda suficiente para os produtores. Esta demanda foi trasladada ao director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva, nunha reunión auspiciada pola formación nacionalista coa participación dunha ampla delegación do sector agrario galego.

O Bloque demanda a creación dun fondo lácteo para compensar as explotacións leiteiras galegas, "cun alto nivel de endebedamento precisamente por terse adaptado ao sistema de cotas que agora se pretende derogar en 2015"

Este encontro con Silva súmase ao mantido co redactor dos informes da Eurocámara sobre a PAC, o eurodeputado Luís Manuel Capoulas. Ambos os dous trasladáronlles aos representantes do sector que "non é realista pensar que se manterá o actual sistema de cotas leiteiras". Por esta razón o Bloque demanda a creación dun fondo lácteo para compensar as explotacións leiteiras galegas, "cun alto nivel de endebedamento precisamente por terse adaptado ao sistema de cotas que agora se pretende derogar en 2015", explica a eurodeputada Ana Miranda.

O BNG defende unha distribución máis xusta das axudas da PAC, polo que rexeita vinculalas ao tamaño da explotación ou a proposta de igualar a subvención que se concede por hectárea, posto que ambas medidas prexudicarán as explotacións de menor tamaño como as galegas. Outro aspecto clave expresado polo sector é a demanda de manter os dereitos de plantación de viñedos, por considerar que é o mellor modelo para manter a calidade da produción e para manter o emprego intensivo por hectárea derivado das particularidades do modelo de produción vitivinícola.

Establecer un máximo de axudas para as explotacións, definir con claridade que se entende por "agricultor activo",  mellorar a capacidade dos produtores para negociar contratos que garanten prezos xustos e valorizar as aportacións que o sector fai ao conxunto da sociedade foron outras das cuestións tratadas durante as xornadas organizadas polo BNG en Bruxelas, co obxectivo de dar "voz directa" ante as institucións comunitarias. "O BNG está facendo o que non fixo a Xunta, facilitar que o noso sector agrario poda estar alí onde se toman as decisións para deseñar a futura Política Agraria Común, traer as súas propostas e expoñelas directamente tanto na Comisión como no Parlamento Europeo", salientou a portavoz de Agricultura no Parlamento galego, Tereixa Paz.

 

Ampla delegación

 

"O BNG está facendo o que non fixo a Xunta, facilitar que o noso sector agrario poda estar alí onde se toman as decisións para deseñar a futura Política Agraria Común"

Entre os integrantes da delegación composta por 30 persoas, responsables de grupos de desenvolvemento rural, expertos académicos en temas agrarios, representantes do sector vitivinícola, de sindicatos agrarios, responsables da organización galega de montes en mancomún, responsables do centro de investigacións agrarias de Mabegondo, asociacións agrarias e cooperativas, comunidade de regantes, gandeiros e produtores.

Nestas xornadas ante as institucións comunitarias, a delegación galega mantivo encontros cos responsables da Comisión de Agricultura da UE para os sectores leiteiro, vitivinícola, desenvolvemento rural e axudas da PAC e concluíron  cunha reunión co director xeral de Agricultura da Comisión Europea, José Manuel Silva, e co eurodeputado e ex ministro de agricultura de Portugal Luis Manuel Capoulas, autor dos informes do Parlamento Europeo sobre as axudas directas e o FEADER, documentos clave dentro da reforma da PAC.

José Manuel Silva e Ana Miranda no encontro co sector agrario galego © Delmi Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.