O Goberno de Venezuela mercará Banesco, banco propiedade da familia Escotet a partir do que cal adquiriu a entidade herdeira das caixas galegas. Así o vén de asegurar o vicepresidente do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV), deputado da Asamblea Nacional Constituyente e ex-ministro do goberno chavista.
Diosdado Cabello asegura que o Goberno empezará "esta semana" a "negociación con Banesco"
Logo das ameazas de nacionalización de finais de ano, Cabello asegurou desta vez que "esta semana" o Executivo de Maduro "comezará a negociación con Banesco" e mesmo que conta co visto e prace de Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca e dono do grupo Banesco. "Imos mercar Banesco, que nos puxo en venda Escotet, ao que agradecemos que nos dea esas facilidades", manifestou no programa televisivo Con el mazo dando.
A resposta non se fixo agardar. Escotet, presidente do grupo bancario, asegurou na rede social Twitter que "Banesco non está en venda". "Como xa o dixen en 2014, os fillos non se vende, iso sábeno ata os meus netos. Banesco non está en venda. Hoxe máis ca nunca, a miña aposta é por Venezuela".
Como ya lo dije en 2014, los hijos no se venden, eso lo saben hasta mis nietos. @Banesco no está en venta. Hoy más que nunca, mi apuesta es por Venezuela
— Juan Carlos Escotet (@jescotet) 11 xaneiro 2018
O dirixente chavista insistiu en que Banesco fixo unha oferta polas accións que o Estado mantén na entidade que impli caba unha valoración do banco nuns 3,5 millóns de dólares, polo que o Goberno tería realizado unha contraoferta que Escotet aceptou. "Está ben, non si?", preguntou ao auditorio sobre o prezo a pagar, para ao final advertir de que esta mesma semana o Executivo faría "unha oferta formal", polo que a entidade "pasará a formar pare da banca pública".
O dirixente chavista asegura que Escotet tería aceptado a contraoferta de 3,5 millóns de dólares pola entidade
Cabello lembrou que "no ano 2012 queríanos pagar cinco millóns de dólares e agora queríanos dar tres millóns de dólares, o 21 de decembro de 2017, nós non estamos a xogar, nós imos comprar Banesco e se quere véndenos o que ten en España", dixo o dirixente chavista en relación á entidade Abanca, xurdida das cinzas das antigas caixas galegas.
"Imos comprar Banesco e se [Escotet] quere véndenos o que ten en España", di Cabello sobre Abanca
Neste sentido, o dirixente oficialista espetoulle ao dono de Banesco: "Ímoscho a comprar ao prezo que ti querías comprar as accións do Estado. O que é igual para o pavo, debe ser igual para a pava, digo eu", insistiu, ademais de pedir ao Fiscal Xeral Constituínte realizar unha investigación contra o actual presidente do banco, Juan Carlos Escotet. "Con que cartos mercou os bancos que ten en España e noutros lugares?", preguntouse.
Nos últimos días do pasado ano 2017, e logo das advertencias de nacionalización de Cabello, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, desmarcara Abanca da ameaza por seren "entidades financeiras distintas".