O Congreso mexicano investiga todos os contratos de Pemex desde 2006

Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

O Congreso mexicano fiscalizará todos os contratos asinados por Pemex desde 2006 ata a actualidade, incluído os asinados cos estaleiros galegos Barreras e Navantia para a construción de dous floteis. Será na comisión que analiza as contratacións da petroleira estatal e ante os numerosos casos de corrupción e subornos descubertos na empresa nos últimos meses, en especial aqueles que falan do presunto fraude que filiais da firma terían levado a cabo nos seus acordos con Hewlett Packard, Oceanografía ou Eyva, que sumarían máis de 700 millóns de dólares nas súas adxudicacións.

Unha comisión de investigación analiza todas as contratacións de Pemex ante os numerosos casos de corrupción e fraude descubertos

A comisión de investigación centrarase e debullará principalmente aqueles contratos que xa están baixo sospeita, pero iso non evitará que sexan tamén investigados os que Pemex asinou cos estaleiros galegos e que xa foron denunciados pola oposición. O Partido da Revolución Democrática (PRD), segunda forza política en México, denunciou a petroleira o pasado mes de febreiro ante a Procuraduría General de la República (PGR) polos contratos que a compañía estatal adxudicou a Barreras e Navantia.

O PRD denunciara que a área de PEP, filial de Pemex, adxudicou o contrato a PMI Norteamérica, malia que esta empresa está integrada pola mesma Pemex. Para a oposición, a sinatura daqueles dous contratos supuxo "un acto ilegal e arbitrario, co que se entregou a esa filial de Pemex e aos seus socios españois os servizos de alimentación e hotelería co apoio dunha unidade habitacional flotante".

A oposición denunciara os contratos cos estaleiros galegos por consideralos "un acto ilegal e arbitrario"

Precisamente, o responsable das licitacións en PEP, o seu director Carlos Morales Gil, foi apartado da dirección desta filial de Pemex o día despois de que a petroleira estatal adxudicara os floteis aos estaleiros galegos e logo de que se descubrise unha suposta trama de subornos coa firma Eyva. Esta firma, que era unha das que competía con Navantia e Barreras, teríase visto favorecida coa adxudicación de máis de 90 contratos. Precisamente, o feito de que Eyva non fose a gañadora no caso dos buques hoteis fai que as dúbidas sobre a adxudicación ás compañías galegas sexan menos, malia as presuntas irregularidades que denuncia a oposición.

A minuciosidade e detalle con que o Congreso mexicano analizará os contratos de Pemex nos últimos oito anos chega xusto agora, a tan só uns días de que se aprobe a a nova reforma enerxética que provocará que se asinen unha morea de contratos coa petroleira baixo outros parámetros legais. O obxectivo, tal e como reclama o PRD, é acabar de vez coa corrupción e as sospeitas de fraude que envolven a tantas adxudicacións.

O presidente desta comisión é o deputado Luis Espinosa Cházaro, deputado precisamente do PRD, que avanzou no inicio dos traballos que non sería "unha cacería de bruxas", pero tampou "tapadeira de ninguén". A investigación no Congreso conformouse nun incio para investigar o presiunto frade de Oceanografía a banamex por máis de 400 millóns de dólares. Pero as enormes sospeitas que recaen sobre a petroleira estatal fixo que se incrementase a todos os contratos dos últimos oito anos.

Sinatura do acordo entre Pemex e Barreras © Pemex

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.