"O convenio do sector da conserva non o conseguiron os sindicatos, senón as traballadoras que durante semanas pelexaron por el"

Manifestación do sector da conserva, hai unhas semanas © CIG

O sector da conserva chegou este xoves a un entendemento coa patronal sobre a redacción do seu novo convenio colectivo. O preacordo asinado en Madrid por CIG e UGT, do que se desmarcou CCOO, pode supor o remate dun conflito que levaba varias semanas aberto e que se intensificara nos últimos días, coa convocatoria de tres novas xornadas de folga e a ameaza do empresariado de levar a cabo un peche patronal. Chega, ademais, ás portas da manifestación convocada para este sábado en Boiro, que se esperaba masiva e que agora só apoia CCOO.

Para Rosa Abuín (CIG) trátase "do mellor convenio que se asinou neste sector" pois "practicamente todo o que estabamos pedindo está conseguido"

O preacordo deberá ser ratificado agora polas distintas asembleas comarcais de cada un dos sindicatos, un requisito imprescindible para a súa sinatura final, antes de 30 días. O resultado destas asembleas podería variar o posicionamento final das centrais sindicais, tanto o apoio inicial expresado por CIG e UGT coma o rexeitamento de CCOO.

Para Rosa Abuín, responsable da FGAMT-CIG da comarca do Salnés, trátase "do mellor convenio que se asinou neste sector" e engade que "practicamente todo o que estabamos pedindo está conseguido". Abuín di non entender o rexeitamento de CC.OO. ao preacordo, sinalando que "non hai exemplos de convenios no sector nos últimos anos que recoñezan o que se conseguiu neste: a garantía de que non se perde poder adquisitivo e o avance para eliminar a fenda salarial". "Eles son os que teñen que dar explicacións de por que non se suman a este preacordo", engade.

Rosa Abuín, nunha mobilización do sector da conserva no ano 2016 © CIG

O incremento dos salarios ao nivel -cando menos- da suba do IPC real e a supresión das diferenzas dos soldos cobrados por homes e mulleres foron as claves sobre as que xiraron as negociacións do novo convenio colectivo nos últimos meses, xunto coas características na quenda de fin de semana e festivos, de nova creación. O sector incrementou a súa mobilización nas últimas semanas, con tres xornadas de folga que rexistraron unha participación masiva. "Este é un sector reivindicativo, que xa o demostrou noutras mobilizacións anteriores que tiveron lugar en moitas empresas", destacaba hai uns días Rosa Abuín en conversa con Praza.gal.

"Este convenio non o conseguiron os sindicatos, senón as traballadoras que pelexaron durante semanas por el. Sen as folgas e manifestacións convocadas non se tería acadado", salienta Abuín

Nesa entrevista a sindicalista da CIG denunciaba a actitude mantida polos empresarios, tanto pola ameaza dun peche patronal durante as xornadas de folga convocadas, "vulnerando un dereito fundamental, como é o dereito á folga", como por outro tipo de presións ás traballadoras, indicando que "houbo ameazas ás traballadoras e traballadores eventuais e de ETT, dicíndolles que se ían á folga non lles renovarían o contrato, mesmo con ameazas de despedimento". Porén, Abuín subliñaba que "esta actitude lles saíu mal, porque a folga foi secundada por máis do 90% das traballadoras e traballadores do sector". "Polo tanto, parece que cada vez que o empresariado abre a boca máis enfada ao propio sector", engadía.

A suba de soldos, segundo o preacordo, será dun 6,5% en 2021 e en 2022 a suba inicial será do 1%, mais a final de ano aplicarase a cláusula de revisión salarial en base ao IPC real, ademais do cobro dos atrasos pendentes

A CIG salienta que o preacordo, acadado despois de máis de cinco horas de negociacións, recolle dúas das súas principais reivindicacións: que a actualización dos soldos se faga en base ao IPC real e que se estableza un incremento adicional do 0,3% en cada un dos catro anos de duración do convenio (2021-24) para as categorías laborais ocupadas maioritariamente por mulleres, contribuíndo así a reducir a fenda salarial de xénero actualmente existente nun sector maioritariamente feminino, no que as mulleres representan o 80% do persoal.

A suba de soldos, segundo o preacordo, será dun 6,5% en 2021 e en 2022 a suba inicial será do 1%, mais a final de ano aplicarase a cláusula de revisión salarial en base ao IPC real, ademais do cobro dos atrasos salariais pendentes; finalmente, para 2023 e 2024 fíxase un incremento salarial inicial do 1,5% en cada un dos dous anos, aplicándose tamén a cláusula de revisión e o cobro de atrasos. Así pois, engade a CIG, "queda garantido o poder adquisitivo das persoas traballadoras do sector sen fórmulas descafeinadas que deixan os salarios por debaixo do IPC”.

As traballadoras do sector da conserva levan mobilizadas dende o mes de decembro © CIG

Pola contra, CC.OO. afirma que "no fondo en nada difire da última proposta da patronal do pasado 2 de febreiro e que os tres sindicatos rexeitamos”

Pola contra, CCOO denuncia que o preacordo non inclúe dúas das “liñas vermellas” expresadas polas e polos manifestantes nas xornadas de folga convocadas nas últimas semanas e que o seu contido “no fondo en nada difire da última proposta da patronal do pasado 2 de febreiro e que os tres sindicatos rexeitamos”. Por unha banda, o sindicato critica que non se inclúe a equiparación inmediata nos soldos entre os grupos 5 (maioritariamente feminino) e 6 (maioritariamente masculino), cunha diferenza salarial que chega aos 600 euros anuais en beneficio deste último.

A CIG salienta que o incremento do 0,3% adicional para o grupo 5 serve para avanzar no remate desta fenda salarial. Así mesmo, o 40% do cadro de persoal de fixos-descontinuos terán que pasar a ser oficiais de primeira ou segunta, o que contribuirá igualmente á eliminación progresiva desta fenda. Ao mesmo tempo, crearase unha comisión técnica para traballar na eliminación da fenda salarial durante a duración do convenio. 

CC.OO. critica que non haxa unha equiparación inmediata entre os grupos 5 (maioritariamente feminino) e 6 (maioritariamente masculino), aínda que o acordo si prevé un aumento salarial maior para o grupo 5, actualmente con soldos máis baixos

Ademais, Comisións denuncia que o preacordo inclúe “o traballo en fin de semana e festivos de forma obrigatoria para as novas contratacións e xa veremos se na práctica para o resto tamén”. En cambio, a CIG nega que a quenda de fin de semana vaia ser obrigatoria para o actual cadro de persoal e valora que a nova quenda se cubrirá “con contratacións indefinidas e exclusivas a cargo da empresa (non a través de ETT), garantido o salario que corresponda por táboas e por categoría”.

Ademais, indica o sindicato nacionalista, as persoas que traballen nesta quenda ingresarán un plus de 35 euros por cada sábado e de 65 euros por cada domingo e festivo e terán preferencia á hora de cubrir as vacantes de tempo indefinido e con xornada de luns a venres que haxa nas empresas que poñan en marcha esta cuarta quenda.

Manifestación das traballadores e traballadores do sector da conserva en Vigo, hai unhas semanas © CIG

A outra diverxencia está na nova quenda de fin de semana e festivos, que se cubrirá con contratacións indefinidas

Para CC.OO., a súa negativa a asinar o preacordo supón “cumprir co mandato” expresado polas traballadoras nas mobilizacións e critica que CIG e UGT “desoíron” ese mandato. En calquera caso, Comisións celebra que “as melloras salariais e laborais que ten este preacordo son unica e exclusivamente mérito das valentes e os valentes que secundaron os tres días de folga”. “A CCOO quédanos o orgullo de ter traballado e conseguido tecer esa conciencia de clase que te permite loitar colectivamente por lo que te pertence e é xusto”, engade.

Pola súa banda, Rosa Abuín destaca o valor das mobilizacións realizadas nas últimas semanas e salienta que "este convenio non o conseguiu nin a CIG, nin Comisións nin UGT, senón que este convenio o conseguiron as traballadoras que pelexaron durante semanas por isto". "De non haber as mobilizacións e as folgas que o sector levou a cabo, este convenio non se tería conseguido", conclúe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.