O crédito segue en caída libre mentres Galicia fornece máis depósitos ao resto do Estado

Feijóo e a conselleira de Facenda, con dirixentes de Banesco © Ana Varela

A conxuntura semella tornar tendencia. As estatísticas oficiais do Banco de España amosaron no inicio do presente 2013 que Galicia regresaba a un punto descoñecido dende había case unha década. Por primeira vez dende o inicio da época das alegrías inmobiliarias e crediticias as persoas residentes no país tiñan máis cartos depositados nos bancos que créditos reciben deles. Nomeadamente, o primeiro trimestre do ano que remata reflectía que as entidades financeiras dispuñan de 54.935 millóns de euros en depósitos e 53.922 en créditos. Este indicador, lonxe de invertirse, estase a consolidar.

No ano en que o sistema financeiro galego viviu unha paixón e morte que desembocou na venda dos restos de Novagalicia Banco ao venezolano Banesco, a publicitadísima billa do crédito non só non foi aberta, senón que se atoou aínda máis. Así, nas bases de datos do regulador figura que ata o remate do terceiro trimestre -último dato dispoñible- o crédito non deixou de caer no país. Concretamente, os devanditos 53.922 millóns de marzo eran xa 53.123 en xuño e quedaron en 51.379 ao final do mes de setembro. Son uns 2.500 millóns menos que semellan desatender a propaganda oficial.

O crédito caeu case un 5% entre o primeiro e o terceiro trimestre de 2013

Mentres os rótulos do Banco Gallego mudaban polos do Sabadell e nos mesmos meses en que os responsables do Popular e do propio Banesco se ían acomodando nas direccións do Pastor e do Etcheverría os galegos e galegas foron aumentando, aínda que lixeiramente, os cartos depósitados nos bancos. O 2012 rematou cuns depósitos de algo menos de 53.000 millóns que no primeiro trimestre de 2013 eran xa case 55.000. Ao final do segundo trimestre do ano superaban xa os 55.400 e contra o remate de setembro acadaron os 56.221 millóns de euros. Isto implica, polo tanto, un incremento do 2,34% ao longo do ano fronte a unha caída do crédito do 4,71%.

Galicia ten nos bancos 4.800 millóns máis dos que estes lle prestan

Con todas estas cifras sobre a mesa cabe concluír que Galicia se consolida como fornecedora de crédito para o resto do Estado, toda vez que ten depositados nos bancos -foráneos na súa práctica totalidade- 4.842 millóns de euros máis dos que estes lle prestan, unha diferenza que se incrementou en máis dun 300% ao longo do ano. Este maior peso dos depósitos que dos créditos só se produce en dúas autonomías máis: Asturias, con 22.000 millóns en créditos e 24.000 en depósitos, e Castilla y León, que ten case 66.000 millóns nuns bancos que lle prestan algo máis de 57.000.

Propaganda do FROB sobre a 'billa' do crédito © FROB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.