O detido por simular dirixir a Fundación Amancio Ortega foi convidado pola Xunta como experto no "emprego do futuro"

Javier Boo, nunha imaxe do vídeo promocional editado pola Xunta para a xornada 'O emprego do futuro' © Xunta

En outubro de 2018 a Consellería de Economía organizou na Cidade da Cultura a xornada O emprego do futuro para "poñer sobre a mesa", da man de "expertos", as "principais oportunidades de traballo que a cuarta revolución industrial, ligada á dixitalización e á automatización, vai ofrecer". Entre os relatores da mesa redonda central do evento estaba Javier Boo, un mozo que daquela tiña apenas 25 anos, presentado como "consultor senior de The Boston Consulting Group e profesor ICADE". O mesmo, identificaron medios como Faro de Vigo, ao que a Policía Nacional detivo o pasado decembro de 2019 acusándoo de "facerse pasar" por director da Fundación Amancio Ortega para "tratar de obter beneficios económicos".

A Policía detívoo por "facerse pasar" polo director da Fundación Amancio Ortega para "tratar de obter beneficios económicos"

Uns poucos meses antes daquel evento da Xunta, en xullo de 2018, o propio Boo interviñera en varios medios de comunicación como "responsable de relacións institucionais" da sección española do European Youth Parliament (EYP), unha plataforma de organizacións xuvenís europeas que celebraba un encontro en Galicia co apoio de diversas institucións, entre elas a propia Xunta. Así, por exemplo, nunha entrevista na COPE o propio Boo manifestábase especialmente "agradecido" pola implicación do vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, do daquela conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e mais de Diego Gago, na altura concelleiro do PP en Vigo e actualmente deputado no Congreso e presidente das Nuevas Generaciones do partido.

Boo, a quen 'Faro de Vigo' identifica como militante do PP, reiterou agradecementos a cargos do partido como Alfonso Rueda, Diego Gago ou Francisco Conde, cuxa Consellería organizou o evento sobre "o emprego do futuro" no que interveu

Antes, en 2017, presentábase en declaracións a La Voz de Galicia como impulsor dunha plataforma que dicía desenvolver con éxito innovadores métodos de busca de emprego para a mocidade en áreas diversas. Facíao, aseguraba, aplicando formación adquirida na universidade estadounidense de Harvard e "a súa experiencia financeira en Goldman Sachs".

Algunhas das supostas receitas laborais para o mundo da "dixitalización" que detallaba naquela entrevista, na que volvía mencionar a axuda do popular Diego Gago, resumiunas tamén no vídeo promocional da devandita xornada da Xunta sobre o "emprego do futuro", que inaugurara o conselleiro Francisco Conde. "A dixitalización trae cambios disruptivos", "hai que adiantarse aos cambios, non podemos esperar" porque "de aquí a 2025 pódense crear 200.000 postos de traballo relacionados coa nanotecnoloxía, a biotecnoloxía e a robótica", dicía. 

Nunha das súas contas en redes sociais -agora eliminada-, Boo divulgaba unha imaxe da xornada da mesa redonda na que participou, moderada polo daquela director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, actualmente voceiro do PP no Concello de Vigo. Nesa publicación sinalaba que fora "un pracer participar como relator nunha iniciativa tan importante para a nosa comunidade"; "grazas ao conselleiro de Economía da Xunta, Paco Conde, polo seu compromiso", agregaba.

A Policía considérao "presunto responsable dun delito de estafa, usurpación de estado civil e falsidade documental"

Pero, segundo a Policía, mentres Boo percorría eventos e medios de comunicación como adaíl do europeísmo e a mocidade emprendedora, tamén incorría en condutas que o fan "presunto responsable dun delito de estafa, usurpación de estado civil e falsidade documental", indica a Xefatura da Policía Nacional en Madrid, onde foi detido. Concretamente, detallan fontes policiais, Boo "simulaba ser o representante dunha fundación de prestixio internacional", a Fundación Amancio Ortega, para "contactar con varias consultoras e financeiras e así conseguir un posto de traballo" e despois, procurar "acordos de patrocinio con empresas de recoñecemento mundial".

Para facelo, "comunicábase mediante teléfono ou mediante contas de correo electrónico case idénticas ás oficiais da fundación". Nesas mensaxes "sempre incorporaba os logotipos" da entidade.

A investigación comezou a raíz da denuncia dunha "multinacional de automóbiles de coches" á que o acusado "solicitaba asinar acordos de patrocinio coa fin de utilizar os seus vehículos" facendo ver que representaba á Fundación Amancio Ortega

A investigación policial sobre Boo, a quen Faro de Vigo identifica como militante do PP, iniciouse a comezos do pasado decembro a raíz da denuncia "da representante dunha multinacional de automóbiles de luxo", segundo a cal "recibiran varias chamadas telefónicas e correos electrónicos dun individuo que se identificaba" como delegado da fundación impulsada polo creador de Inditex. "Aos empregados fíxoos sospeitar tanto a forma de contactar" como a súa petición: "solicitáballes xuntanzas para asinar acordos de patrocinio coa fin de utilizar os seus vehículos a cambio do recoñecemento que a eles lles suporía o feito de que a fundación os usase", di a Policía.

Foi daquela cando os investigadores "comprobaron" que o cargo da Fundación Amancio Ortega a quen presuntamente Boo suplantaba denunciara na Coruña "que unha persoa se estaba a facer pasar por el". Utilizando o seu nome, advertira, "estaba contactando con responsables de diversas entidades financeiras e consultoras internacionais". Entre elas, informou laSexta, figuran empresas como Abanca, Citygroup, Credit Suisse, Mercedes, BMW ou Audi.

Boo (primeiro pola esquerda), no acto da Xunta sobre o "emprego do futuro" co actual voceiro do PP en Vigo (segundo pola dereita) como moderador © ATIGA

O acusado enviaba "o seu currículum vitae modificando o seu apelido para facelo coincidir co do delegado da fundación", di a Policía, que o detivo cando "simulaba" representar á entidade nun encontro con representantes de BMW

Apenas dúas semanas despois do comezo das pescudas, Boo foi identificado pola Policía. "Descubriron que planeara unha estratexia para suplantar a identidade do director" da fundación "co obxectivo inicial de conseguir un posto nalgunha multinacional". O seu modus operandi consistía, din os axentes en "concertar entrevistas mediante correo electrónico" para un suposto "familiar seu". Acto seguido, di a Policía, remitía "o seu curriculum vitae", pero "modificando o seu apelido para facelo coincidir co do delegado da fundación". Foi así como "logrou establecer varias entrevistas" pero sen chegar "a asinar ningún contrato de traballo".

O "engano que xerou" Boo, explican os axentes, tivo unha segunda fase. Nela, tentaba supostamente "conseguir acordos de colaboración con máis empresas multinacionais" ou "chegar a ser embaixador das mesmas". E con este pano de fondo citouse, para o pasado 18 de decembro, con directivos da automobilística BMW en Madrid. Alí esperábano os empresarios, pero tamén un despregamento policial. No encontro "simulou ser delegado da fundación para tentar obter un contrato de patrocinio, polo que foi arrestado, culminando así a operación policial". Posteriormente quedou en liberdade, pero sobre el pesan as devanditas acusacións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.