O efecto da Semana Santa baixa o paro en 3.471 persoas en Galicia

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo

O paro rexistrado descendeu en Galicia no pasado marzo en 3.471 persoas (-1,48%) respecto ao mes anterior impulsado polas contratacións de Semana Santa e o pulo do sector servizos de cara ao verán. Un bo dato puntual para o mercado laboral galego, que ve tamén como o número de afiliacións á Seguridade Social medrou nunhas 5.012 persoas no mesmo período. 

Xa que logo, o número de desempregados rexistrados nas oficinas de emprego en Galicia queda nos 231.797, 20.340 menos que hai un ano, mentres que o número medio de cotizantes queda en 940.548 ocupados, 17.487 máis que hai doce meses. De novo, unha diferenza entre o descenso do paro e o emprego creado. 

O paro cae en 2.770 persoas no sector servizos fronte ao mínimo descenso de 76 na industria ou 251 na agricultura

A inmensa maioría dese descenso do desemprego no mes de marzo dáse no sector servizos, onde o número de parados cae en 2.770 persoas, fronte á baixada de 251 na agricultura, 464 na construción ou tan só 76 na industria, sectores que entre os tres non suman nin a terceira parte do total da caída nos servizos. Pola contra, no colectivo sen emprego anterior o paro aínda aumenta en 90.

O efecto das vacacións queda patente de comparar os datos cos do mes de febreiro, onde o paro descendera en todos os sectores menos, precisamente, o de servizos. Hai un ano, a baixada fora aínda bastante maior, de 5.412 persoas. 

Foi, xa que logo, a Semana Santa e a contratación temporal na hostalería polo inicio das temporadas de lecer e da primavera a principal fonte de emprego e para mellorar uns datos que van na liña dos do Estado. Así, o paro rexistrado descendeu no conxunto de España en 58.216 persoas (-1,4%) mentres que o número de afiliados á Seguridade Social aumentou en 138.086, o que sitúa a afiliación media en 17.305.798 ocupados.

En canto ao territorio galego, o paro descende en todas as provincias, destacando sobre todo a de Pontevedra, onde cae en 1.841 persoas fronte ao descenso de 642 na Coruña, 609 en Lugo e 379 en Ourense. 

Tan só o 9,2% dos contratos asinados en Galicia en marzo foron indefinidos

No entanto, e malia o descenso do paro rexistrado, a contratación segue a estar marcada pola temporalidade e a precariedade. Dos 67.364 contratos asinados en Galicia no pasado mes de marzo (5.750 máis ca no mes anterior), tan só 6.176, o 9,2%, foron indefinidos, que aumentaron un 5%. Os temporais, mentres, incrementáronse case un 10% en marzo.

Por outra banda, o dato do paro rexistrado de Galicia revela que está a entrar xente no mercado laboral que xa non estaba inscrita na oficina de emprego. Son máis de 1.500 persoas de diferenza entre as que se afilian á Seguridade Social e as que deixan as listas do paro. É unha circunstancia que se relaciona coa precaria cobertura, con máis da metade dos desempregados sen percibir prestación ningunha por desemprego. Pero tamén co feito de que as oficinas de emprego galegas só logran o 4% dos traballos que atopan as persoas en paro. Das máis de 289.000 baixas por colocación rexistradas durante 2015, apenas 10.500 tiveron na súa orixe unha oferta de traballo tramitada polo Servizo Público. 

Ademais, das 231.797 persoas inscritas nas listaxes de desemprego, máis da metade (118.097) non recibe ningún tipo de prestación polo que tan só o 48,2% das persoas desempregadas reciben algunha, un punto menos que no mes anterior. O feito de que a maioría de contratos que se asinan son por días ou horas, acumular o tempo suficiente para recibir esa prestación é cada vez máis complicado. 

A isto hai que engadirlle que o carácter contributivo desta prestacións está en mínimos, tan só o 40,9% do total dos beneficiarios de prestacións o son das de carácter contributivo. A taxa de cobertura é do 52,5%, dous puntos por debaixo da do resto do Estado. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.