O embaixador de México aclara que "aínda non hai datas" para o acordo entre Xunta e Pemex

Feijóo, xunto ao embaixador de México © Conchi Paz

O embaixador de México en España, Francisco Javier Ramírez Acuña, sinalou que aínda "non hai datas determinadas" para que estaleiros galegos comecen a construción de buques para Pemex, aínda que si asegura que se segue avanzando" nas negociacións, despois da firma do acordo entre a Xunta e a petroleira o pasado maio.

"Facer os axustes correspondentes precisa do seu tempo por mor dos requirimentos legais"

Nunha comparecencia xunto ao presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o embaixador mexicano explicou que para a empresa pública para estatal "facer os axustes correspondentes" para as licitacións "require do seu tempo", xa que existen "requirimentos legais" para que Pemex poida contratar compañías doutros países. "A lexislación tamén dá espazos para poder negociar", aclarou.

"Sobre todo en temas en que non somos fabricantes", puntualizou o embaixador, antes de engadir que, deixando fóra ao Exército e á Mariña, os aspectos vinculados á seguridade si teñen "espazos de asignacións directas". Ramírez Acuña referiuse á "selección" que fará a petroleira en función das "calidades e prezos" que ofrezan os estaleiros galegos -de maneira individual ou agrupados- e mostrouse confiado en que, aínda que "non hai tempos definidos", o proceso "seguramente chegará a bo fin".

Feijóo prometeu a construción de sete remolcadores en Galicia e 2.500 empregos directos e indirectos no naval

Tal e como aclarou no seu día o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o acordo asinado entre o Executivo galego e Pemex para a construción de 14 remolcadores -sete en Galicia e outros sete de maneira conxunta- suporá un investimento de máis de 310 millóns de euros, 2,6 millóns de horas de carga de traballo e 2.500 empregos directos e indirectos no sector da construción naval galego.

Feijóo, xunto ao embaixador de México © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.