Chegou o 25 de novembro e milleiros de clientes do Banco Popular, uns 1.500 en Galicia, ven hoxe como o seu investimento en bonos convertibles vira en perdas. Os polémicos produtos adquiridos hai seis anos convértense agora en accións. A débeda mercada polos clientes transfórmase en títulos da entidade financeira, o que supón unha perda patrimonial dun 80%.
Milleiros de clientes do Popular ven como hoxe o seu investimento en bonos convertibles vira en perdas de ata o 80%
Son as preferentes do Popular que teñen atrapados os propietarios dos bonos subordinados necesariamente cambiables en accións, máis coñecidos como bonos convertibles, que se venderon entre os clientes habituais da entidade en 2009, por un importe de 700 millóns de euros e cuxa data inicial de vencemento, en outubro de 2013, foi ampliada nunha segunda versión dos bonos lanzada en 2012, até o 25 de novembro de 2015. As perdas derívanse de que o prezo de conversión da acción está fixado en 17,69 euros, cando a súa cotización actual non chega aos 3,38 euros. O adiamento pretendía que a precaria recuperación económica fose dabondo para arranxar o problema, pero a cotización da entidade non mellorou.
En Galicia, o investimento nestes produtos supera os 40 millóns de euros e o problema afecta máis de 1.500 persoas
En Galicia, o investimento nestes produtos supera os 40 millóns de euros e o problema afecta máis de 1.500 persoas, segundo os cálculos do despacho de avogados Caruncho, Tomé & Judel, especializado neste caso, e que advirte que "pola confusa política infomativa do Popular en relación a estes bonos, máis da metade dos afectados acumulará esa perda do 80% patrimonial", aínda que cos intereses cobrados desde 2009 poden quedar 35% do capital inicial achegado, segundo defende o banco.
A conversión que hoxe se fai efectiva afecta, sobre todo, os pequenos investidores, "con importes máis reducidos e que non recibiron oferta ningunha específica do banco". "Será o colectivo máis damnificado; desde o Banco Popular ofreceuse unha fórmula xenérica na que mesmo en ocasións teñen que investir máis cartos aos xa achegados para poder acceder ás condicións ofrecidas", algo "destinado sobre todo aos grandes investidores".
Agora, o Banco Popular afronta moreas de denuncias pero foron moitos tamén os clientes que preferiron non esperar ata o momento da conversión para acudir aos tribunais. "Son aqueles que se negaron a aceptar a ampliación imposta en 2012 ou os que, vendo as grandes perdas que ían ter, non agardaron", explica Carlos Tomé, avogado especializado neste tipo de produtos.
Sobre un 20% dos 1.500 afectados en Galicia optaron por demandar o Banco Popular, que ve como a maioría de sentenzas lle son desfavorables
Segundo o despacho de Tomé, a única medida que permite recuperar a totalidade do investido é a demanda, xa que en ningún caso o Popular ofreceu a devolución íntegra, senón a contratación de depósitos rendibles con vencementos superiores aos cinco anos. En Galicia, sobre o 20% dos 1.500 afectados optaron por demandar, segundo aclara o letrado. "Os menos informados acetaron a oferta da entidade por descoñecemento dos seus dereitos legais ou por non querer iniciar preitos, xa que moitas son persoas maiores aos que as demandas lles impoñen respecto", engade, tras aclarar que no conxunto do Estado, o 30% optaron pola denuncia e outro 30% pola oferta do banco.
No despacho de Carlos Tomé xa levaron varias demandas contra Banco Popular por este produto. Asegura que os xuíces están a recoñecer que se trata dun produto financeiro de investimento "complexo e arriscado que, xunto a unha boa rendibilidade inicial comporta riscos inherentes á propia aleatoriedade das fluctuacións do mercado de referencia", segundo un extracto da Sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra 119/2014 de 8 abril.
"O perfil é como o dos preferentistas"
Ademais, outras sentenzas sobre os bonos xa se están a coñecer nos últimos meses, tal e como se pode comprobar na web da asociacion de afectados por abusos bancarios, Asufin, e no rexistro de xurisprudencia do Consello Xeral do Poder Xudicial. En base a esta experiencia nos tribunais xa é posible detectar as principais debilidades do Popular na colocación dun produto que lembra a outros. "O perfil do investidor é moi semellante ao dos preferentistas, persoas maiores, sen ningún tipo de formación e información respecto ao que asinaban ou investían. Trátase dun produto complexo que se contratou pola confianza e porque se vendeu como un investimento seguro", di Carlos Tomé.
As eivas do Popular de cara á súa defensa ante os tribunais son moi evidentes
As eivas coas que se atopa o Popular de cara á súa defensa ante os tribunais son moi claras. Hai erros burocráticos ao ser a entidade moito máis descoidada que por exemplo no caso dos Valores Santander á hora de facer asinar os documentos aos clientes; a maioría dos clientes son moi conservadores e con moi pouca cultura investidora, na liña dos afectados polas preferentes; e o produto é moi complexo e "nin unha persoa con formación xurídico-económica -como recoñece unha vítima- é quen de saber como funciona".
Ademais, o Popular pecou sempre de falta de transparencia e a sensibilidade e os coñecementos dos xuíces ante os abusos bancarios son moito maiores que os de hai anos. "Á Xustiza non lle abonda con que o banco presente un xustificante de que se entregou un resumo informativo de produto aos seus clientes e estes asinaron que asumín os riscos", advirte Carlos Tomé. O Supremo xa sentou xurisprudencia segundo a cal asegura que as entidade financeiras deben acreditar que explicaron ben e con tempo suficiente a complexidade e os riscos do produto.
"Hai unha tendencia importante a que os tribunais lles dean a razón aos afectados e mesmo sentenzas de audiencias provinciais admitindo a nulidade destes produtos", remata Tomé ante un caso que, como lembra, "afectou a xente de todo tipo".