O Estado condena a actuación da policía en 1972 nun 10 de marzo que clama contra a "precariedade"

Ofrenda floral e mobilizacións polo 10 de marzo de CCOO, CIG e UGT en Ferrol CC-BY-NC-SA Fotos: CIG, CCOO e UGT / Montaxe: Praza.gal

Máis de medio século despois daquela xornada, o Goberno de España aprobou este martes unha Declaración Institucional de recoñecemento ás vítimas dos sucesos do 10 de marzo de 1972 en Ferrol, data simbólica do movemento obreiro galego. Con esta iniciativa, o Executivo central condena a "actuación desproporcionada" da Policía Armada, ademais de reafirmar o seu compromiso coa "memoria democrática, a verdade, a xustiza e a reparación". 

O Goberno de España aprobou unha Declaración Institucional de recoñecemento ás vítimas do 10 de marzo de 1972 en Ferrol na que condena a "actuación desproporcionada" da Policía Armada

Aquela xornada rematou con dous traballadores asasinados —Amador Rey e Daniel Niebla— e máis dun cento de feridos, algúns deles moi graves, logo dunha manifestación pacífica de máis de 4.000 obreiros. A iniciativa para esta declaración chegou dos ministerios de Política Territorial e Memoria Democrática e de Traballo e Economía Social, que lembran tamén que desde que foi aprobado polo primeiro congreso do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia en 1978, o 10 de marzo é celebrado como o Día da Clase Obreira Galega, conmemorado hoxe por todas as centrais sindicais. 

O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, durante a ofrenda floral no monumento do 10 de marzo CC-BY-SA CCOO Galicia

Precisamente, os principais sindicatos participaron este luns en Ferrol na tradicional ofrenda floral no monumento que homenaxea a Amador e Daniel. No acto institucional, o alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela, destacou a importancia dunha data "recoñecida por unanimidade no Parlamento de Galicia en 1997". 

“Seguirmos na mobilización é a maneira de manter vivas e vixentes as loitas do 72”, reivindica a CIG

Desde a CIG, que celebra a principal manifestación en Ferrol á tardiña, ao igual que no resto de cidades e vilas onde ten convocadas marchas. O seu secretario xeral, Paulo Carril, reclamou durante a ofrenda floral "a vixencia e actualidade" de todas as "loitas pola liberdade, por salarios e condicións laborais xustas e por defender a negociación colectiva en Galiza." 

“Seguirmos na mobilización é a maneira de manter vivas e vixentes as loitas do 72”, dixo, tras denunciar que que "a clase traballadora galega sufre precariedade, baixos salarios e un modelo socioeconómico neoliberal “imposto a través das sucesivas reformas laborais”. 

Ademais, Carril chamou á mobilización da clase obreira contra a escalada bélica do imperialismo, condenando "o ataque militar levado a cabo polos Estados Unidos e Israel contra Irán", unha agresión "que require de nós unha resposta clara en defensa da paz e do dereito internacional". 

Tamén UGT participou na ofrenda, ao igual que CCOO, que celebrou unha manifestación onde 3.000 persoas, segundo o sindicato, exixiron nas rúas de Ferrol "emprego con dereitos, igualdade real e fortalecer os servizos públicos". 

3.000 persoas participaron na manifestación de CCOO en Ferrol que reclamou "emprego con dereitos, igualdade real e fortalecer os servizos públicos"

Logo de completar o percorrido entre Navantia e o monumento do 10M, a manifestación rematou cos discursos de Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO Galicia, e de Álex Bello, secretario xeral da Unión Comarcal de Ferrol, no que foi, como lembra o sindicato, "o primeiro Día da Clase Obreira Galega desde o falecemento de Suso Díaz, ex secretario xeral de Comisións e un dos grandes impulsores desta efeméride". 

"Suso representa a esencia de CCOO: a responsabilidade, o compromiso e a entrega da vida ao servizo dos demais. A súa despedida non é só unha perda persoal, é unha chamada á responsabilidade para todas as persoas que formamos parte das CCOO. A memoria histórica do sindicalismo non se constrúe só con nomes do pasado, senón coa continuidade da loita que eles encarnaron", di o manifesto. 

Manifestación de CCOO polo 10 de marzo en Ferrol, en 2026 CC-BY-SA CCOO Galicia

Ademais, CCOO denunciou a "precariedade estrutural" na que as políticas dos últimos anos "están deixando a Galicia, en especial a mocidade e as mulleres". Un país que vive, segundo denuncia o sindicato, "nun contexto de crise industrial que mantén en tensión milleiros de familias" para a que pide solucións con políticas "propias e ambiciosas". 

"Preocupante" situación dos servizos públicos

Comisións critica tamén a "preocupante" situación dos servizos públicos e fixo un chamamento público á mobilización para impulsar "un cambio de rumbo que poña as persoas no centro das políticas públicas". "Esiximos emprego de calidade, servizos públicos fortalecidos, igualdade real, xustiza fiscal e social, pensións e salarios dignos, memoria e dereitos", di o sindicato. 

Pola súa banda, a CIG celebra unha xornada de mobilización con 14 manifestacións convocadas en vilas e cidades "contra a precariedade e a desigualdade" e para reivindicar "traballo digno e sermos na Galiza un pobo con dereitos". 

"A mobilización convértese no camiño necesario para dar resposta a esta crúa realidade, porque alén das cifras macroeconómicas, o continúo medre da carestía da vida dificulta cada día máis facer a compra e acceder a unha vivenda digna”, lembra a CIG, que critica que se pretenda "normalizar a precariedade laboral, o traballo a tempo parcial e a contratación fixa descontinua, mentres a temporalidade segue existindo, as condicións laborais e os salarios son peores e aumenta o risco de pobreza".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.