A menos dun mes para as eleccións autonómicas, o Goberno central busca calmar os gandeiros en plena precampaña. Ante a ameaza de mobilizacións e a confirmada manifestación de gandeiros en Compostela para o vindeiro 4 de outubro, Estado e Xunta enchen de promesas os titulares malia que os sindicatos seguen a denunciar a "pasividade" das administracións e a "ineficiencia" dunhas medidas que, denuncian, van máis encamiñadas a "ofrecer algo á cidadanía" que a resolver un problema que segue sen solución logo de anos de reivindicacións.
Porque Galicia segue sendo o territorio do Estado, e tamén da UE, onde menos se paga aos gandeiros polo litro de leite. A tal hora, os produtores galegos reciben entre 27 e 28 céntimos á vez que os custos de produción non baixan dos 36. O peche continuo de explotacións gandeiras e as "dificultades históricas" polas que pasa o sector para subsistir volveron provocar no país varias mobilizacións que rematarán o vindeiro día 4 en Compostela, coincidindo co inicio oficial da campaña electoral.
Os gandeiros levan esperando resposta e chegaron a confiar na palabra de Feijóo de trasladar as súas reivindicacións a Madrid
O Goberno central e máis a Xunta saben de sobra da problemática, pero os sindicatos levan tempo denunciando "a pasividade" de ambas as dúas administracións para resolver o problema. Hai tres meses, os propios sindicatos celebraban o “compromiso” adquirido polo presidente Núñez Feijóo para trasladar “como Executivo galego” ao Executivo central as reivindicacións do sector co obxectivo de mellorar a próxima Lei de Cadea Alimantaria, especialmente no que se refire á formación de prezos. Desde aquela, nada de nada.
Unións Agrarias (UUAA), Sindicato Labrego Galego (SLG) e Xóvenes Agricultores (XXAA) coincidiron nas últimas mobilizacións en denunciar "a extorsión e o roubo" aos que están sometidos os gandeiros por parte da industria e lembraron a "crítica" situación do sector en Galicia, onde os prezos son aínda máis baixos que no resto do Estado. E as promesas comezaron, como aquela de Feijóo que aseguraba o incremento dos controis da calidade do produto a partir do 15 de setembro, unha medida que, de terse producido, en nada cambiou a situación.
Agora é o Ministerio de Agricultura quen move ficha. A finais de agosto, o ministro Arias Cañete reuniuse con representantes de todos os axentes do sector na procura dun acordo inmediato que asegurase unha suba no prezo do leite aos produtores, malia as negativas das distribuidoras. Preparou incluso un borrador que para os sindicatos, como lembra Isabel Vilalba, do SLG, "é papel mollado". "Queremos que se lexisle de maneira transparente, que se determinen as marxes comerciais e que se impoñan sancións; agora, en periodo electoral, o ministro saca un documento contra o que xa nos manifestamos porque non supón máis que pedir boas prácticas e boa vontade á distribución, pero que non obriga a nada", insiste a secretaria xeral do Sindicato Labrego.
"Buscan un acto público e un titular en plena precampaña, pero sen compromiso ningún"
A intención do Executivo central non é outra que conseguir unha declaración das marcas e da distribución na que prometan unha futura actuación para regular e aumentar os prezos que se lles pagan aos gandeiros galegos, malia que fontes sindicais teñen claro que non é máis que "un intento de presentarlle á cidadanía boas palabras ou o presunto interese no sector gandeiro das grandes áreas comerciais". "Buscan un acto público e un titular en plena precampaña, pero sen compromiso ningún", insisten.
O 'paquete lácteo' entra en vigor o vindeiro 3 de outubro, malia que os gandeiros descoñecen como se van asegurar os prezos
De feito, a idea de Arias Cañete é que nos vindeiros días poida presentar un acordo que, tal e como manifestaron xa as distribuidoras, será difícil de cumprir pola reticencia das marcas e destas áreas comerciais, que seguen empregando o leite como produto reclamo nos seus estantes. De feito, e tal e como denuncian os sindicatos, o denominado paquete lácteo, que pretende desenvolver os contratos homologados e reforzar os acordos interprofesionais, entrará en vigor por completo o vindeiro 3 de outubro, pero os gandeiros seguen sen saber cal será o prezo do leite, como se van facer efectivos os contratos e cal será a forma de garantir que as industrias non acaben impoñendo os prezos.
Ao tempo, o ministro Cañete pediu este mesmo luns a Bruxelas maior "flexibilidade2 para que se poidan destinar máis fondos comunitariod da PAC a medidas inmediatas de apoio ao sector lácteo, nunha reivindicación na que coincidiu con Portugal.