O Goberno central comezará a achegar unha axuda aos pensionistas venezolanos que foran ignorados polo PP

Concentración de pensionistas venezolanos ante o Concello de Vigo © APEJUVEG

O Ministerio de Traballo anunciou esta semana que destinará 20 millóns de euros para que case 5.000 pensionistas venezolanos residentes en España, ao redor de 1.500 en Galicia, poidan recibir unha pensión mínima (ao redor de 5.000 euros ao ano) que poida complementar os seus ingresos. 

A medida beneficiará a 1.500 persoas en Galicia

A partida orzamentaria beneficiará a 4.827 pensionistas españois e venezolanos que residen en España. Os requisitos para acceder ao complemento a mínimos son: residencia en España, non superar a pensión mínima coa suma das dúas pensións que perciben e que non dispoñan de rendas ou patrimonio por riba da cantidade que cada ano se fixa nos Orzamentos (7.569 euros ao ano, en 2019).

O Goberno central explica que nos últimos meses solicitou das autoridades venezolanas o cambio oficial en euros do novo bolívar soberano, concluíndo que a maior parte das pensións venezolanas que reciben estas persoas residentes en España equivalen a pouco máis de tres euros, o que os faculta para recibir un pagamento compensatorio ata chegar á pensión mínima española.

Milleiros de persoas (calcúlase que uns 3.000 en Galicia) levan meses sen cobrar a súa pensión venezolana, unha situación que nalgúns casos comezou hai xa dous anos. A situación é extremadamente grave nalgúns casos de persoas que non contan con ningún outro ingreso. A pesar diso, a Xunta denegou o pagamento da RISGA a moitas destas persoas, alegando que teñen concedida unha pensión por parte do Estado venezolano e ignorando que na práctica non están a recibir eses cartos. Esta negativa mesmo afectou a persoas cunha discapacidade recoñecida do 73%. Política Social escudábase en que a muller tiña recoñecida unha pensión por parte de Venezuela "con independencia de que sexa efectiva ou non na actualidade".

A Xunta denegara a RISGA a un gran número de emigrantes retornados, alegando que xa tiñan unha pensión recoñecida en Venezuela, pero que na práctica non estaban a cobrar

Tampouco o Executivo de Mariano Rajoy aceptara poñer en marcha medidas para asegurar algún ingreso mínimo a estas persoas. En cambio, o Goberno canario (a única comunidade autónoma con máis afectados que Galicia) si habilitou hai uns meses un sistema polo cal os pensionistas canario-venezolanos maiores de 65 añns retornados ao arquipélago reciben un máximo de 5.164 euros anuais (equivalente a unha pensión non contributiva de xubilación) no caso de que non dispoñan doutros ingresos reais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.